Galerías de fotosSanidadeÚltima hora

O Colexio de Farmacéuticos de Ourense celebra os seus cen anos de vida

No seu decurso presentábase un libro especial sobre o centenario desta entidade que actualmente agrupa a 570 profesionais na provincia

Garantir a viabilidade das boticas pequenas e desenvolver a farmacia asistencial son “dous dos grandes retos de futuro da nosa profesión”, aseguraba o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense (COFO), Vicente J. Álvarez, durante o acto de conmemoración dos cen anos de vida desta entidade, na mañá do 12 de abril no Liceo de Ourense. Na seu discurso tamén poñía en valor o modelo de farmacia posto que “non é posible garantir dentro do noso sistema sanitario unha maior accesibilidade fóra das boticas, tanto en ubicación como en horario de apertura”.

Esta celebración do centenario dos farmaceúticos ourensáns comezaba cunha misa da catedral, seguida dun acto no Liceo que tiña unha parte académica e outra institucional. Este colexio, que agrupa a 570 profesionais na provincia, cumpre cen anos “convertido nun dos grandes axentes garantes da defensa e promoción da saúde e benestar de todos os ourensáns”, en palabras do seu presidente, que estivo acompañado neste acto polo presidente do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos de España, Jesús Aguilar; polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad.

Na súa intervención Jesús Aguilar resaltaba que España “ten un dos sistemas sanitarios máis eficientes de Europa e manter este nivel depende tamén da Farmacia. É fundamental o avance asistencial que estamos levando a cabo na farmacia comunitaria para mellorar o resultado do uso seguro e efectivo dos medicamentos e da prevención”.

A parte máis académica e divulgativa desta celebración incluía unha conferencia da farmacéutica ourensá Begoña Charro-Delgado, que exerce a súa profesión en Gran Bretaña. Nela abordaba “a educación farmacéutica no Reino Unido: o difícil equilibrio entre a farmacia clínica e as ciencias farmacéuticas”. De seguido, presentábase o libro conmemorativo do centenario do COFO, coordinado pola tamén farmacéutica Laura Fleire e en cuxa elaboración participaba ademais o médico David Simón Lorda. A publicación sintetiza a historia da farmacia na provincia ao longo do seu primeiro centenario.

Artigos relacionados

Back to top button