SanidadeÚltima hora

O Colexio de Médicos de Ourense cumpre 120 anos neste 2021

A súa xunta directiva anuncia que se publicará un libro dixital, da man do doutor David Simón, entre outros actos para conmemorar o aniversario

 

Neste recén estreado ano 2021 o Colexio Oficial de Médicos de Ourense cumprirá 120 anos. “Unha boa noticia que queremos compartir coa cidadanía da nosa cidade e provincia e esperamos coincida co comezo do fin do tempo difícil e doloroso que nos tocou vivir nestes longos meses de pandemia”, tal e como vén de anunciar a xunta directiva desta entidade colexial.

Ademais os seus directivos destacan que este colexio durante “estes 120 anos traballou pola saúde dos ourensáns, desde uns valores, unha ética e unha misión compartida. Desde a primeira xunta directiva presidida en 1901 polo doutor Ramón Quesada Borrajo ata a actualidade, moitos acontecementos sucedéronse: guerras, pandemias, descubrimentos científicos e tecnolóxicos… Pero no esencial, o obxectivo segue sendo o mesmo: servir á comunidade co maior coñecemento médico e a mellor práctica profesional posibles”.

O Colexio de Médicos de Ourense é un dos máis antigos de España e “aínda o é máis se consideramos os anos previos compartidos no Colexio Médico-Farmacéutico de Ourense constituído en 1885”, indica a súa xunta directiva, “dispoñemos de abundante información: documentos, fotografías, libros… E de compañeiros que levan tempo mergullando na nosa historia. Por tanto, temos as vimbias para construír durante os 12 meses do 2021, capitulo a capitulo, un libro dixital coa Historia do Colexio Médico de Ourense, cuxo cronista oficial será o doutor David Simón Lorda, e que publicaremos nun apartado específico na nosa web como fío condutor das actividades de todo o ano. Para enriquecer o libro e convertelo nunha tarefa colectiva, convocamos a toda a colexiación para achegar historias, documentos, fotos… dos que dispoñan”.

Así mesmo esta entidade colexial adianta que, “en función da situación epidemiolóxica, na segunda metade do ano probablemente, tentaremos realizar algún acto presencial de celebración e recoñecemento dos 120 anos contigo, coidando de Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button