CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O colexio de Vilamartín rende a súa particular homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

Os alumnos do CEIP Xosé Manuel Folla Respino participan na elaboración dun mural e un vídeo sobre o poeta de Córgomo

 

Continúan as actividades en torno á vida e obra do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado do Día das Letras Galegas 2022. E nesta ocasión teñen lugar no CEIP Xosé Manuel Folla Respino ubicado no municipio natal do literato, onde lle están rendendo a súa particular homenaxe con dúas actividades centrais.

A primeira é un fermoso mural que remataban na mañá deste xoves 10 de marzo. A imaxe central do mural, pintado no patio cuberto, é unha creación dos artistas locais  Pedro Álvarez e Xandro Álvarez que fixeron unha fermosa estampa cun retrato pouco visto de Florencio, xa maior, xunto a elementos fortemente vinculados á súa poesía (unha vide, unha cunca de viño,…). A outra parte do mural é máis abstracta e nela participaron, un a un, todos os alumnos do colexio, deixando a súa pegada na homenaxe ao poeta do seu concello.

Tal como explica o responsable co colexio, Chema González, esta é unha das aportacións do centro ao Día das Letras Galegas 2022. A outra é un vídeo no que están traballando, con poemas de Florencio e imaxes do poeta, do centro e do municipio, que será incluído no apartado sobre As Letras Galegas 2022/ Florencio Delgado Gurriarán que a Real Academia Galega habilitará na propia web da RAG e que presentarán nun acto que se celebrará o vindeiro 22 de marzo no propio centro escolar.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button