CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O colexio de Viloira (O Barco) é un dos seleccionados para participar no campamento de innovación educativa

O CEIP Ramón Otero Pedrayo é un dos dous centros ourensáns que participarán na segunda Semana STEM
Exterior do CEIP Ramón Otero Pedrayo, en Viloira. /Foto: A.R.

O CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira, no Barco de Valdeorras, é un dos 23 centros de toda Galicia que participarán este ano na segunda Semana STEM, un campamento de innovación educativa na que os rapaces de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO amplían os seus coñecementos científico-tecnolóxicos a través de estadías en réxime de internado.

Esta iniciativa, enmarcada dentro da Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020), arrancou de xeito pioneiro o curso pasado con 300 alumnos e 15 centros co obxectivo de fomentar o espírito científico e tecnolóxico entre o alumnado galego. Desta volta serán 450 os alumnos que participen.

Do total de centros seleccionados 11 corresponden á provincia da Coruña, 3 á de Lugo, 2 á de Ourense (Ramón Otero Pedrayo do  Barco e CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey do Pereiro de Aguiar).

As estadías realízanse en períodos semanais dende domingo pola tarde ata o sábado seguinte; e a primeira delas arranca o próximo domingo día 14 con 50 rapaces de tres colexios. Proporcionarán ao alumnado galego un escenario propicio para desenvolver capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o seu interese por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.

As actividades non só serán académicas, senón tamén de carácter lúdico-recreativo, que servirán de reforzo ao programa ordinario do currículo do alumnado nas aulas. Os contidos dos cursos inclúen un programa de actividades académicas, de obradoiros, de tempo libre e deportivas. En calquera caso, a finalidade do programa é “promover a convivencia entre o alumnado, o traballo en equipo, o aprender facendo mediante un enfoque “maker”, a creatividade e a motivación para mellorar a súas competencias STEM”.

Artigos relacionados

Back to top button