DeportesGalerías de fotosÚltima hora

O Colexio P. Divina Pastora do Barco celebra o Día Europeo do Deporte

O alumnado do Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco sumábase á celebración do Día Europeo do Deporte ao longo da mañá deste venres 27 de setembro. “Trátase principalmente de que na escola se faga realidade o lema de manterse activo (#BeActive) durante polo menos 120 minutos. E no colexio unímonos a esta iniciativa cos seguintes obxectivos: resaltar a importancia da educación física e do deporte nas escolas, xerando diversión e goce a través da actividade física, promovendo a saúde e o benestar, a inclusión e o desenvolvemento de competencias sociais no alumnado e establecer relacións entre países europeos”, explican dende o centro.

Así, despois da lectura dun manifesto sobre a importancia e os valores do deporte para a vida e o sentido deste día, o alumnado do colexio dividíase en catro grupos que se desprazaban ata outros tantos lugares distintos do Barco para desenvolver unha serie de actividades.

Así un grupo de educación infantil realizaba unha mini-olimpiada con diversos xogos cooperativos e de iniciación ao deporte no Parque O Chao. Ademais 1º, 2º e 3º participaban nunha pequena andaina de 919 m e logo, no Salgueiral, desenvolvían un circuíto de xogos predeportivos cooperativos (como o pano ou o brilé), ademais de iniciarse na orientación.

Por outra banda, 4º, 5º e 6º de primaria facían unha andaina ou unha carreira duns 2.000 m. ata o estadio de Calabagueiros. Finalmente o alumnado de educación secundaria realizaba unha andaina ou carreira duns 2.000 metros ata Calabagueiros e, unha vez alí, alternaban diversos deportes: atletismo (carreira, lanzamento de peso, salto de lonxitude e de altura), tiro con arco, iniciación á escalada, fútbol sala e baloncesto.

“En todas as actividades contouse con especialistas en Educación Física e monitores especializados en cada unhad as actividades”, segundo se destaca dende o Colexio Divina Pastora.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button