OurenseÚltima hora

O combate entre mouros e cristiáns é o acto central da Romaría da Saínza que cumpre 175 anos

A festa, cuxa orixe se remonta ao ano 1840, celebrarase do 21 ao 23 de setembro en Rairiz de Veiga
Un momento do combate entre mouros e cristiáns no campo da Saínza./ Foto: Carlos G. Hervella.

175 anos son que o concello de Rairiz de Veiga leva representando o tradicional combate entre mouros e cristiáns, acto central da Romaría da Saínza que neste 2018 ofrecerá un completo e variado programa de actividades para todos os públicos do 21 ao 23 de setembro.

A festa comezou a celebrarse no ano 1840, e “só se suspendeu durante os tres anos da Guerra Civil”, explicou a alcaldesa de Rairiz de Veiga, na presentación que tiña lugar na mañá do 20 de setembro.

O programa comeza mañá venres 21 de setembro, ás 13 horas, coa descarga de bombas de palenque para continuar, ás 17 horas, cos xogos populares no campo da festa, coa representación do combate de mouros e cristiáns con monicreques. Ás 18:30 horas será a quenda para o teatro amenizado polos nenos do municipio representando a obra Pin-Pon e, de seguido, serán as mulleres do concello as protagonistas da obra de teatro Rúa da tranquilidade. Ás 21 horas haberá un espectáculo de humor e maxia internacional e, desde ás 23:30 horas, actuacións musicais.

 

Rosendo Fernández, Josefa Asunción Morgade, Ana Belén Míguez e Julio Domínguez na presentación da Romaría da Saínza.

 

Ao día seguinte, o sábado 22 de setembro, ás 12:30 horas será a III “quedada de músicos tradicionais da Romaría da Saínza 2018” no campo da festa. Pola tarde, ás 18 horas será a VII edición de “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns” no campo do Castelo; ás 19:30 horas comezará a procesión coa Nosa Señora da Mercé desde a Capela da Saínza ata a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Ás 22 horas chegará a música á festa e ás 23.45 horas será o asalto ao Castelo por parte dos mouros, para continuar pasada xa a medianoite, cos fogos artificiais no Castelo con máis actuacións musicais.

O último día da Romaría, o 23 de setembro, comezará ás 11 horas coa descarga de bombas de palenque e, ás 12 horas será o pasarrúas a cargo da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense, seguida dos actos relixiosos. Ás 13 horas, celebrarase o tradicional combate de mouros e cristiáns no campo do castelo e, posteriormente, a música volverá ser a protagonista.

Artigos relacionados

Back to top button