ConcellosÚltima hora

O combate entre mouros e cristiáns regresa esta fin de semana a Rairiz de Veiga

A tradicional Romaría da Saínza celebrarase do 20 ao 22 de setembro cun amplo programa de actividades

Presentación da Romaría da Saínza.

 

Esta fin de semana a Romaría da Saínza 2019, “unha das últimas festas do verán ourensán” traerá de novo a escena o tradicional combate de mouros e cristiáns ao municipio de Rairiz de Veiga, ademais dun completo programa de actividades que inclúe teatro, xogos populares, música, maxia e humor. A presentación desta celebración tiña lugar na mañá do 18 de setembro no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa e o concelleiro de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade e Manuel Carnero; o presidente da Asociación Socio-Cultural Amigos da Romaría da Saínza, Julio Domínguez; e o membro da organización da Romaría, José Antonio Álvarez.

Trátase dun evento declarado Festa de Interese Turístico no ano 2000 que conta coa colaboración da Deputación de Ourense que espera contar “cunhas 30.000 persoas”, dixo a alcaldesa quen explicou que no tradicional combate de mouros e cristiáns do domingo participan “preto de 70 persoas en cada bando”.

O programa comezará o venres, 20 de setembro, ás 13h. cunha descarga de bombas de palenque. Pola tarde será a quenda para os xogos populares no campo da Festa, seguidos ás 18h. da representación do combate de mouros e cristiáns con monicreques. Media hora máis tarde celebrarase a obra de teatro O Atraco na Casa do Peto protagonizada por mulleres do municipio, e ás 20h. sairán a escena os máis cativos do concello para representar a obra O Desván, no mesmo sitio. Tralo teatro chegará, o humor e a maxia co espectáculo Todo 100 de Internacional Tanito Clown & Mágico Brais. A música será a encargada de pechar esta primeira xornada festiva coa discoteca móbil Music Scaffold e a orquestra Grupo Nebraska.

 

Un momento da batalla entre mouros e cristiáns na edición do ano pasado. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O sábado, 21 de setembro, comezará a programación ás 12:30h. coa celebración da IV Quedada de músicos tradicionais da Romaría da Saínza 2019 no campo da Festa. Pola tarde, ás 18h. terá lugar a procesión ca Nosa Señora da Mercé desde a capela da Saínza ata a igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Posteriormente, ás 19 horas, celebrarase a VIII edición de “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns” no campo do Castelo. Chegará a música á festa a partir das 22h. coa actuación da orquestra Triunfo e, a partir das 23:45 horas, será o asalto ao Castelo por parte dos mouros. Os fogos de artificio e a música a cargo da orquestra Triunfo e da discoteca móbil Gramola pecharán a xornada.

O domingo, 22 de setembro, comezará a festa ás 11h. coa descarga de bombas de palenque e, ás 12 será a procesión desde a Igrexa de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza acompañada polo Grupo de Gaitas do Concello de Rairiz de Veiga. Trala misa solemne no campo da batalla chegará, ás 13 horas, o tradicional combate de mouros e cristiáns no campo do Castelo e, posteriormente actuará a Charanga XL no campo da festa, pechando a Romaría as orquestras Assia e La Oca.

Artigos relacionados

Back to top button