EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O comercio barquense vestirase de festa e descontos coa VIII Noite Branca, o 18 de xuño

Esta actividade dinamización, que promove O Barco CCA, incluirá novidades como o concurso "Xogamos!"

Imaxe da pasada edición da Noite Branca no Barco./ Foto: A.R.

 

Con diversas novidades se presenta a VIII Noite Branca no Barco, prevista para o 18 de xuño. Esta festa do comercio local, á que tamén se une dende as últimas edicións a hostalaría, será organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco, que preside Jacobo Arias. Mantendo ingredientes característicos de anteriores edicións como os descontos ou a ampliación no horario habitual do comercio (entre as 20h. e as 00h.), xunto co ambiente festivo.

A edición deste ano incorpora novas propostas. “O evento contará con dous espazos diferenciados: a “zona comercial” e a “zona de premios”. A zona comercial fai referencia ás rúas do Barco nas que se ubican os establecementos participantes, un total de 29 comercios (aos que se suman 2 establecementos de hostalaría) que ofrecerán aos seus clientes descontos en produtos de tempada, e que ampliarán o seu horario ata as doce da noite”, segundo se sinala dende o CCA O Barco, que preside Jacobo Arias. Ademais está previsto que en determinados puntos desta zona comercial se instalen altofalantes para amenizar o espazo comercial e de ocio ao longo da céntrica avenida Conde Fenosa.

 

 

Por outra banda, a chamada zona de premios estará situada na praza do Concello, onde, a partir das 22h., se desenvolverá o concurso “Xogamos!”. No xogo, que contará con varios paneis de probas e preguntas, poderán participar os clientes que presenten un tícket de compra ou consumición dos establecementos participantes na campaña.

“Establecerase un espazo acotado, cunha pantalla xigante e con sillas separadas coa debida distancia de seguridade, ao que accederán os clientes en grupos de dez persoas. A cada un deles entregaráselles unha pegatina cun número no punto de acceso e desinfección Covid. Unha vez dentro do recinto, a asociación elixirá ao azar, extraendo un número do 1 ao 10, que participante comeza o xogo. Os xogadores deberán superar os paneis se queren ser premiados con vales de compra ou regalos doados polos asociados”, explican dende o CCA O Barco.

Sorteo dunha televisión

Os paneis incluirán preguntas sobre cultura xeral, probas de música nas que deberá adiviñarse o nome da canción e o/a autor/a; ou probas de prezo xusto, nas que os participantes competirán por levarse un regalo. Posteriormente, entre todos os participantes sortearase unha televisión de plasma de 32 pulgadas. Os clientes deberán cubrir co seu nome e un teléfono unha rifa de participación e depositala na urna. Ao rematar o xogo extraerase ao azar a rifa premiada.

“A Noite Branca será un punto de encontro entre clientes que apostan polo comercio de proximidade e pola hostalaría barquense”, asegura a organización.

Artigos relacionados

Back to top button