EconomíaEconomíaÚltima hora

O comercio ourensán súmase á campaña “Días Azuis”, que se desenvolverá do 1 ao 20 de outubro

Durante as datas de duración da campaña, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago

 

Impulsar as vendas do comercio de proximidade e poñer en valor o importante papel económico e social do sector. Con esta pretensión ponse en marcha unha nova edición, neste caso de outono, da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”, que se celebrará en toda Galicia desde mañá e ata o 20 de outubro.

Durante as datas de duración da campaña, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago, de 300 e de 150 euros. Para participar hai que rexistrar a compra na páxina da campaña https://www.diasazuis.com/ ou solicitar ao comerciante que faga o rexistro.

O comercio de Ourense tamén se suma a esta iniciativa, tal e como se demostraba na presentación que tiña lugar esta mañá na cidade das Burgas coa presenza da directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez. A este acto tamén asistía o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; ademais dun representante de Abanca, entre outras persoas.

O obxectivo desta edición da campaña en Ourense é superar os preto de 19.500 tíckets de compra rexistrados na provincia na edición celebrada o pasado mes de maio. Así este será un outono azul nos establecementos, rúas, vilas e capital de Ourense. O elemento máis significativo da campaña, un círculo azul grande, e outros elementos corporativos da mesma, locen xa nos comercios ourensáns. Ademáis, prevese novamente un forte impacto nas redes sociais, a través do hastag #díasazuis.

A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Conta coa colaboración de Abanca, entidade que aporta os premios; así como neste caso, da Federación de Comercio de Ourense e das asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda a provincia

 

Artigos relacionados

Back to top button