EconomíaEconomíaÚltima hora

O comercio ourensán vaise de festa na “Shopping Night” este venres

Un total de 101 comercios asociados ao CC.A Ourense Centro abrirán as súas portas dende as oito até a medianoite e farán ofertas especiais
Flora Moure, Luis Rivera e Rosendo Fernández. // Foto: Carlos Asensio. 

Os amantes das compras e do ocio están de noraboa, xa que o Centro Comercial Ourense Centro prepara, para o próximo venres 5, a quinta edición da “Shopping Night”. Máis de 100 comercios – 20 máis ca pasada edición- asociados ao CC.A Ourense Centro abrirán as súas portas dende as 20:00 até as 00:00 horas. “Nelas, os clientes veranse sorprendidos con cocktails, canapés, doces ou sorpresas que farán as súas compras distintas ás do resto do ano”, anunciou o presidente da institución, Luis Rivera, na presentación de hoxe, 3 de maio, canda ao vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e a concelleira de Comercio do Concello de Ourense, Flora Moure.

Segundo explicou Rivera, as rúas do Paseo, Santo Domingo e os arredores, así como as rúas do Casco Histórico vanse engalanar para facer da Shopping Night “nun evento atractivo tanto para ourensáns como para visitantes”. Nesta liña, o presidente asegurou que o obxectivo “é converter a Shopping Night nun acontecemento que dinamice a vida social da cidade e o comercio local”. É por este motivo que os que asistan esa note ás tendas veranse beneficiados de importantes ofertas e descontos propios nas coleccións e produtos das tendas participantes. “Aínda que o sector téxtil é o máis potente, tamén haberá establecementos de decoración, perruquerías, interiorismo…”, asegurou Rivera.

Pero ademais diso, os que merquen na Shopping Night poderán entrar nun concurso directo de agasallos, como circuítos termais, cheques de compra, boletos de aparcamento, entre outras cousas. Para entrar no sorteo, os consumidores recibirán unha tarxeta coa súa compra que deberán depositar nun posto central situado na rúa do Paseo, e entrarán automaticamente nese sorteo.

Ao mesmo tempo, para facer máis amenas as compras, está previsto un amplo programa de actuacións, pasarrúas e exhibicións polas rúas do centro da cidade. Será normal saír dunha tenda e atoparse un espectáculo de danza “funk” ou “hip-hop”, unha “discomóbil” ou un concerto, xa que este ano a Shopping Night ourensá colabora coa ICC Week. Asemade, os aparcadoiros da zona ofrecerán prezos especiais para esta cita.

Quen tamén se sumou á festa do comercio ourensán foi o hotel NH, “que ofrecerá ofertas para os que viaxe esa noite ou para os que pasen esa fin de semana en Ourense”.

Tanto a concelleira de Comercio, Flora Moure, como o vicepresidente da Deputación e presidente do Inorde (entidade colaboradora), Rosendo Fernández, coincidiron en que é función das entidades públicas fomentar o comercio local e por iso tamén se suman á Shopping Night.

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button