PolíticaÚltima hora

O Comité de Dirección do PP de Ourense planifica a lista dos candidatos ás municipais de 2019

 

Foto de familia do comité de dirección do PP de Ourense.

O Partido Popular de Ourense segue a traballar para ter definidos no presente ano a gran maioría dos nomes que encabezarán as listas populares nas eleccións municipais de 2019 nos 92 concellos da provincia. Con este fin, reuniuse onte, 4 de abril, o Comité de Dirección do PP, nunha convocatoria que o presidente provincial, Manuel Baltar, enmarcou na “planificación da que fai gala o noso partido e que entendemos como un aspecto clave da estratexia política”.

A xuntanza do comité tivo lugar na localidade de Abeleda, na Teixeira, o que supón a súa segunda reunión fóra da sede provincial (a primeira foi en San Pedro de Rocas en maio do pasado ano) seguindo así un dos compromisos anunciados por Manuel Baltar no congreso provincial, no que avogou por celebrar por todo o territorio ourensán as diferentes convocatorias dos órganos de dirección do partido.

Baltar subliñou que, xunto  coa planificación, “a anticipación é fundamental para que a maquinaria do partido afronte as eleccións de 2019 coa necesaria forza para conseguir o obxectivo que nos temos marcado, que non é outro que superar as alcaldías conseguidas nas últimas municipais e recuperar as principais vilas”.

Nesta liña, engadiu, “contar cos cabezas de lista a dous anos vista dos próximos comicios locais garante un traballo intenso e continuo para levar á veciñanza as nosas propostas”. Pero, para conseguir este fin, tamén compre mobilizar aos afiliados, dixo.

Este foi precisamente outro dos asuntos tratados polo Comité de Dirección, que porá en marcha unha campaña para aumentar o contacto do partido cos máis de 26.000 afiliados, procurando unha maior participación destes na actividade política.

Artigos relacionados

Back to top button