OurenseÚltima hora

O Complutense proclámase campión de España de hóckey sala no torneo disputado en Ourense

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu esta mañá á final no Pazo dos Deportes Paco Paz

Un momento da final do campionato.

 

O Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourese acollía esta mañá á final do 68º campionato de España de hóckey sala entre os equipos SPV Complutense e CD Málaga 91, que se resolvía co 7-3 favorable para o Complutense que se proclamaba campión.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acudía á devandita final onde agradeceu aos organizadores, árbitros e xogadores o “exemplar desenvolvemento da competición”. Tamén quixo recoñecer o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade e Protección Civil, e subliñar o “comportamento modélico das afeccións e seguidores que, debido ás restricións sanitarias, tiveron que seguir os partidos a través de streaming, na canle de Youtube da federación galega, ou nas redes sociais, onde se creou unha páxina Web do campionato”.

 

O delegado da Xunta en Ourense co capitán do equipo gañador.

 

Gabriel Alén non quixo deixar pasar a ocasión para felicitar a todo equipo dirixente e deportivo do Club de Hóckey Barrocás, polo seu labor diario a prol do deporte e do hóckey. Dende a súa orixe no ano 1990, no barrio ourensán de Barrocás, este club foi sempre unha referencia de esforzo e superación que, partindo sempre da canteira, levou o nome de Ourense entre a elite dos mellores equipos nacionais desta especialidade deportiva.

Na competición, que se levou a cabo dende o pasado venres, participaron os 8 mellores equipos masculinos de España divididos en dous grupos. O grupo A formado FC Barcelona, CD Málaga 91, CH Barrocás e RS Tenis Magdalena; e o grupo B no que estaban o SPV Complutense, CH Madrid Las Rozas, CH Carpesa e CH Alcalá.

Artigos relacionados

Back to top button