OurenseÚltima hora

O Concello acondiciona as piscinas de Oira cunha inversión de 18.000 euros

O complexo de baño abrirá este sábado, 10 de xuño, e estará aberto até setembro ao igual que as piscinas de Monterrei no Pereiro de Aguiar
O acondicionamento foi dende a zona axardinada até o pintado dos vestiarios.

Os ourensáns poderán gozar este sábado, 10 de maio, o seu primeiro mergullo do verán xa que as piscinas municipais de Oira abrirán as súas portas. O complexo vén de ser acondicionado polo Concello de Ourense cun investimento de 18.000 euros. Segundo puideron comprobar hoxe, 8 de xuño, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o concelleiro de Deportes, Mario Guede, nunha visita a estas instalacións.

Jesús Vázquez e Mario Guede supervisaron a nova rampla para PMR.

Segundo comentou o alcalde, “instalouse unha rampla de acceso para discapacitados para que poidan acceder tanto aos vestiarios coma á zona de baño”. Asemade, entre esas actuacións, está o acondicionamento das zonas verdes, aboando todo o recinto, así como a zona do merendeiro até as piscinas Tamén houbo un rozado minucioso de todos os arbustos, limpáronse os foxos das piscinas, substituíuse o “gresite” e realizouse o pintado das zonas comúns e dos vestiarios. No apartado mecánico, revisáronse todas as conexións eléctricas e válvulas.

Porén, dende o Concello aseguran que a calidade da auga estará garantida cos máis altos estándares de calidade logo de instalar un analizador continuo que realiza, de forma automática, un tratamento de auga. Desta forma, os niveles de cloro na auga estarán permanentemente regulados e haberá un redutor de PH automático en función dos niveles de cloro.

Piscinas de Monterrei 

 As piscinas do Complexo Deportivo de Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar, abrirán de novo as súas portas ao público tamén o sábado 10 de xuño. A nova temporada de verán prolongarase até primeiros de setembro.

O recinto de Monterrei conta con 6 piscinas, incluíndo unha infantil e outra de olas. Durante os últimos meses procedeuse á realización de diferentes traballos de posta a punto despois do inverno, para poñer en marcha o recinto que acolle nos tres meses de apertura unha media de 70.000 persoas cada ano.

O prezo das entradas para acceder ás instalacións acuáticas mantén a tarifa da temporada anterior. Así, a entrada para os maiores de 18 anos custa 2,30 euros e a de menores, 1,30 euros. O acceso para os cativos menores de 4 anos é de balde. Ofrécese tamén a posibilidade de adquirir bonos de 10 entradas que abaratan o acceso ás piscinas cun prezo de 10 e 20 euros, para menores e maiores de idade, respectivamente.

O horario de apertura establécese, como anos anteriores, de 12:00 a 21:00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button