En portadaÚltima hora

O Concello ampliará a Escola Infantil Municipal para dar servizo a 60 nenos

O proxecto estímase nuns 300.000 euros, dos cales 150.000 serán aportados polo Consorcio da Xunta
O alcalde, Alfredo García, mostrando os detalles da reforma.
O alcalde, Alfredo García, mostrando os detalles da reforma.

O Concello do Barco ampliará a Escola Infantil Municipal para dar solución á gran demanda de prazas que arrastra dende hai dous anos. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Alfredo García, tras explicar os detalles da reforma integral á que se someterá a infraestrutura. O obxectivo é incrementar a súa capacidade até as 60 prazas, fronte ás 40 actuais, coa creación de seis aulas. Actualmente o proxecto carece de presuposto pechado, pero o rexedor estima que andará arredor dos 300.000 euros. “Buscamos a cofinanciación desta obra e chegamos a un acordo”, explicou, e engadiu: “firmaremos un convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar polo cal eles van poñer 150.000 euros e o resto poríao o Concello”.

As actuacións centraríanse en dous eixos fundamentais: por unha parte, procederíase ao derribo do vello cárcere colindante á Escola Infantil e do garaxe contiguo para ampliar o espazo cara esa zona. A outra fase consistiría en reformar integramente as instalacións actuais do centro educativo, engadindo tamén un ascensor para facilitar a accesibiliade á parte superior.

Buscaríase solventar sobre todo problemas de calor e espazo. Así, dunha banda, instalarase un teito especial que actúe como aillante térmico das aulas e do patio cuberto. Na zona nova situarase a entrada principal, cara a rúa Hernán Cortés, así como as dependencias administrativas, unha sala para carriños e outra para mochilas dos rapaces. No exterior, o proxecto contempla a creación dun parking de cinco prazas para facilitar o estacionamento aos pais dos alumnos. De igual xeito, esa mesma área tamén contará cun novo patio de 90 metros cadrados ao aire libre, algo que as instalacions actuais non teñen.

Segundo as previsións do Concello, as obras comezarán antes de que remate o ano, posto que as partidas presupostarias cedidas polo consorcio contemplan unha entrega de tres anualidades, a primeira delas para o presente 2016. Eses primeiros 20.000 euros irán destinados ao derrube do cárcere e do garaxe próximos. As outras cantidades, de 70.000 e 60.000 euros, serán para investir no 2017 e no 2018, respectivamente.

Na parte do Concello, o alcalde explicou que traballarán para deseñar unha partida para isto nos vindeiros presupostos e estima que as actuacións comecen para abril. “É unha obra lenta porque hay que garantir a obra e a existencia das aulas abertas pero o obxectivo é que en setembro de 2018 estea todo terminado”, dixo.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button