ConcellosÚltima hora

O Concello do Barco pon en marcha un campaña visual para atallar o problema dos excrementos caninos

Ao longo do mes de maio os alumos de Primaria dos catro centros barquenses sinalarán cun globo amarelo os puntos nos que atopen “caca de can”
O alcalde do Barco coas concelleiras de Servizos e Medio Ambiente./ Foto: Mónica G. Bellver.

Unha campaña “de choque e absolutamente visual para que a xente vexa onde hai un excremento de can”. É a aposta deste ano do Concello do Barco de Valdeorras para atallar “un problema que sae constantemente a relucir nas conversas de veciños e mesmo nos medios de comunicación: os excrementos caninos en beirarrúas ou espazos verdes”, en palabras do alcalde Alfredo García, que na mañá do 5 de maio presentaba xunto ás concelleiras de Medio Ambiente e Servizos, Diana Urdangaray e Alicia Álvarez, a segunda fase desta campaña titulada “O Barco libre de cacas”.

A primeira fase realizouse na pasada semana e consistía na elección dun eslogan para colocar en globos amarelos. De entre 31 frases propostas por alumnos dos catro centros de Educación Primaria do Barco e tamén a través das emisoras de radio locais, elixiuse unha do Condesa de Fenosa: “El é un can, és ti un porco?” que aparecerá nos globos que os alumnos dos mesmos centros educativos irán colocando nas sucesivas saídas durante o mes de maio, a carón de onde atopen un excremento.

Na semana do 8 ao 11 de maio, de 15:30 a 17h. sairán ás rúas os nenos do colexio Condesa de Fenosa (de luns a xoves, cada día un curso); na do 15 ao 18 de maio, os do colexio Divina Pastora; na do 22 ao 25 de maio, os do colexio Julio Gurriarán; e finalmente na do 29 ao 31 de maio, os do colexio Otero Pedrayo.

Cando remate a campaña cos globos co eslogan en cada punto no que os cativos atoparan un excremento “saberemos realmente a dimensión do problema”, di o alcalde, explicando que esta iniciativa forma parte dunha campaña máis ampla de mellora na recollida de lixo que levan a cabo cada ano e que vai dando os seus froitos, aumentando progresivamente o lixo nos puntos de recollida axeitados. “O ano pasado recolléronse no Punto Limpo 58.000 quilos máis que o ano anterior. Ademais recolléronse 226.000 quilos de papel/cartón e 159.000 de vidro”, dixo Alfredo, engadindo que non obstante, “aínda queda moito por mellorar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button