CulturaCulturaÚltima hora

O Concello do Carballiño e a Insua dos Poetas impulsarán novas iniciativas culturais

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o presidente do padroado da Insua dos Poetas, Luis González Tosar, asinaron hoxe un convenio de colaboración para tal fin
convenio-insua-poetas
Diego Fernández, Francisco Fumega, Luis González Tosar e Celso Sánchez tras a sinatura do convenio.

O Concello do Carballiño e a Insua dos Poetas colaborarán conxuntamente para impulsar novas iniciativas de carácter cultural na vila. A través do convenio que asinaron hoxe o alcalde da vila, Francisco Fumega, e o presidente do padroado, Luis González Tosar, ambas institucións realizarán actividades non só no eido literario, senón tamén no audiovisual e teatral, así como noutras manifestacións culturais.

No acto de sinatura do convenio tamén estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o vicepresidente do padroado, Celso Sánchez.

González Tosar parafraseou ao Premio Nobel de Literatura William Faulkner para expresar o convencemento de que “o local é o principio básico de todo o que se queira converter en universal”, e de aí o significado da promoción da Insua dos Poetas, enclavada nunha paraxe histórica ao norte das terras do Carballiño. O presidente do padroado resaltou que a sinatura deste convenio é moi importante “xa que plasma un acordo de colaboración e implicación mutua na difusión da Insua dos Poetas como parte importante do patrimonio e da dinamización cultural do Carballiño”.

Francisco Fumega tamén expresou a súa satisfacción por este convenio. O alcalde referíuse á Insua dos Poetas como “o magnifico parque da Esgueva, que aglutina tres elementos definitorios: as letras, a escultura e o medio natural. En definitiva, un lugar de encontro coa cultura”. Asemade, agradeceu a Luis González Tosar a súa iniciativa. “Realmente é moi importante para O Carballiño contar cun parque desta relevancia, polo que nos comprometemos a impulsar máis actividades e a promocionalas dentro e fóra do noso municipio e comarca co obxectivo de que poida ser un marco cultural ainda máis relevante do que xa é”.

 

Artigos relacionados

Back to top button