ConcellosÚltima hora

O Concello do Carballiño limpará e acondicionará o Camiño dos Arrieiros

Camiño dos Arreiros.

A Concellería de Medio Rural do Carballiño, que está baixo o mando de Rosario González, conxuntamente coas de Promoción Económica, dirixida por Érika Paz, promoveu, en colaboración co INEM, un plan de acondicionamento do Camiño dos Arrieiros. O obxectivo “é aproveitar as axudas en colaboración social para mellorar o patrimonio natural e etnográfico das aldeas e parroquias”.

Concretamente, este plan permitiu contratar a cinco persoas, entre as que hai un canteiro, albaneis e peóns forestais, cuxa labor será limpar e acondicionar os case 15 quilómetros de percorrido que ten esta ruta de sendeirismo, entre Fonteantiga e Mesego, incluidos diversos subtramos. O contrato é por catro meses, polo que dende maio ata setembro estes traballadores centraranse en acondicionar este camiño, que discorre por diversos tramos de río, cruzando pontes e lugares de interese natural e etnográfico.

O Camiño Natural dos Arrieiros, que foi inaugurado en febreiro do ano 2009 pola entón ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa, é un vial tradicional utilizado polos veciños de Banga, Mesego, Partovia, Sagra e O Barón, pero que tamén era a ruta usada no seu día polos transportistas que levaban viño producido nas fincas dos mosteiros cistercienses e outros productos da zona do Ribeiro hacia a capital compostelá ou as Rías Baixas. O camiño consta dun bucle principal de nove quilómetros que une Mesego e Fonteantiga, e seis ramais que parten de Mesego a Porto de Eguas, de Partovia ata As Caldas pasando por Refoxo, e desde Arenteiro, Fraga e O Penedo.

Este Plan realízase conxuntamente con outro para mellorar as fontes, lavadoiros e tanques das aldeas e parroquias, que tamén comezou a pasada semana con catro traballadores (tres albaneis e un peón forestal), que foron contratados a través dun programa de colaboración social co Inem por un período de tres meses.

Artigos relacionados

Back to top button