EconomíaEconomíaÚltima hora

O Concello da Rúa anima a celebrar a Festa Virtual do Codillo

A XIV edición da cita gastronómica debería celebrarse o vindeiro sábado 30 de xaneiro, pero este ano non vai poder ser

 

Hai xa tempo que se sabía que a Festa do Codillo (igual que todas as citas lúdicas e gastronómicas) non se ía poder celebrar este ano, pero así e todo, dende o Concello da Rúa agardaban poder organizar algo alternativo. “Gustaríanos poder tender unha ponte para seguir mantendo a cita, vinculando aos restaurantes se poden estar abertos porque todo dependerá da situación sanitaria”, aseguraba o concelleiro de Cultura, José Vicente Solarat, hai apenas tres semanas. “A nosa idea é que cos catro ou cinco establecementos que queiran participar poderíase facer unha ‘mini Festa do Codillo’, ofertando incluso un kit completo de codillo para levar, previa inscrición, no caso de non poder ou non querer ir aos restaurantes. É a idea na que estamos traballando pero está todo no aire e condicionado pola evolución do coronavirus que esperamos mellore para entón”, concluía Solarat.

Lonxe de mellorar, a situación empeorou considerablemente polo que definitivamente o vindeiroa sábado non se celebrará a XIV edición da Festa do Codillo, nin no pavillón nin nos restaurantes.

Con todo, dende o Concello da Rúa comparten o cartel editado por Juan Francisco Sánchez Argüello, fillo adoptivo da Rúa e embaixador e irmán en Almendralejo, convidando aos rueses a celebrar a Festa Virtual do Codillo. “Moitas máis edicións nos esperan, pero agora é momento de protexernos e ser pacientes”, aseguran dende o ente local animando aos veciños a “non perder a ilusión”.

 

Artigos relacionados

Back to top button