ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa aproba os presupostos de 2020 cos votos en contra da oposición

O orzamento municipal é de 3.125.017 euros, sendo as maiores partidas para Benestar Comunitario, con 448.743 euros, Servizos Sociais e Promoción Social, con 398.755

O alcalde da Rúa Álvaro Fernández.

 

De forma telemática pola corentena na que está o secretario, se celebraba finalmente o Pleno dos presupostos no Concello da Rúa. Un pleno extraordinario (ese punto era retirado da orde do día da sesión ordinaria celebrada o pasado luns por irregualidades na súa tramitación), que tiña lugar na tarde deste venres 20 de novembro e no que o equipo de goberno aprobaba o orzamento municipal 2020, de 3.125.017 euros, cos votos en contra da oposición (BNG e PSdeG-PSOE).

Dentro das partidas incluídas neste presuposto no apartado de gastos, destacan 448.743 euros (un 14,36 % do total) destinados ao apartado de Benestar Comunitario, orientado a capítulos como os de abastecemento de auga ou limpeza. Outras partidas importantes son as de Servizos Sociais e Promoción Social, con 398.755 euros (12,76 %);  Servizos de Carácter Xeral, 371.976 (11,90 %); e Transferencias a outras Administracións Públicas, 362.082 (11,58%).

A este respecto, o alcalde popular Álvaro Fernández resaltou que o equipo de goberno priorizou “os pagos a proveedores e as partidas destinadas a previr o Covid-19, tanto en limpeza coma no Centro de Saúde”. Ademais, lembrou que desde que asumiu a Alcaldía a mediados do ano pasado, aprobáronse as contas xerais de tres anos así como os presupostos do ano en curso, estando case rematados os de 2021.

 

A voceira nacionalista, María G. Albert.

 

Moi contraria se amousou a voceira nacionalista María G. Albert cuxo partido se opuxo a un orzamento municipal “surrealista na súa tramitación, inoportuno na súa presentación e ineficaz na súa atención aos problemas básicos que a COVID xerou no noso Concello”. Para o BNG trátase dun documento que “só pretende dar visos de legalidade ás irregularidades orzamentarias que o PP e o RUA cometeron durante o ano e  culminadas coa tramitación esperpéntica deste documento, con gastos realizados sen partida asociada, con investimentos nun ano en que o orzamento prorrogado non validaba ese capítulo de gasto, cun alcalde e unha tenente de alcalde que cobraron de partidas esgotadas desde o mes de xullo e cun alcalde que gastou nas partidas de libre disposición (2-23) 16.500 €, o cuádruple do destinado a estes gastos directos en anos anteriores”.

Albert anunciou que o BNG presentará unha moción para que as partidas que terían gastadas en festas de verán e Bacofesta (que tasou nuns 100.000) se destinen a” un plan de axudas directas ao comercio local e a hostalaría da Rúa”.

 

O voceiro socialista, Luis F. Gudiña.

 

Conclusións moi parecidas presentou o representante socialista Luis F. Gudiña, para quen non se explica que se tiñan a liquidación feita en xullo tardasen tanto en presentar os presupostos que máis ben entenden como “unha liquidación orzamentaria de 2020 por tratarse dun documento que pretende ordenar a xestión municipal para un ano que xa practicamente rematou en termos contables”. A ese respecto Fernández Gudiña asegurou que parecen uns presuposto “feitos con ‘trampa’, non tecnicamente senón que ao facerse nesta data pódense encaixar os gastos e ingresos de todo o ano, porque xa se saben”. Tamén asegurou que “serían necesarias actuacións máis importantes para potenciar o pequeno comercio especialmente de cara ao Nadal tan próximo”.

Neste Pleno extraordinario tamén se aprobaba o documento do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) do Concello da Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button