En portadaÚltima hora

O Concello da Rúa cumpre coa estabilidade orzamentaria

O ente municipal rues non terá que facer fronte aos 400.000 euros de déficit
Fachada do Concello da Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.
Fachada do Concello da Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.

O Concello de A Rúa vén de emitir un comunicado no que anuncia que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas permitiu “o levantamento da sinatura do Concello da Rúa na plataforma de introdución dos datos económicos municipais”, asumindo como correcto o informe externo elaborado para o ente municipal, que “modifica substancialmente o resultado da liquidación orzamentaria de 2014”.

Tal como avanzan dende A Rúa, cos novos datos xa introducidos na plataforma ministerial o informe de cumprimento da regra de gasto é positivo mentres que o informe-avaliación de estabilidade orzamentaria pasa de ofertar un dato de necesidade de financiamento de 400.000 euros a unha capacidade de financiamento de 168.252,87 euros.

“Como informamos con anterioridade”, din dende o Concello “o erro produciuse na incorporación dunha serie de datos referidos aos chamados “Axustes SEC”. Estes axustes fan referencia á diferenza entre a capacidade ou necesidade de financiamento e o saldo de operacións non financieiras. Ese axuste tiña de ser sumado ao saldo de operacións non financieiras para obter a capacidade ou necesidade de financiamento.

Esta é sen dúbida unha boa nova para os veciños da Rúa posto que “abre para o Concello as posibilidades de poder realizar un orzamento para 2016 sen ter que hipotecar 400.000 euros para destinalos á subsanación dun déficit que imposibilitaría ate o extremo o normal funcionamento da institución municipal no exercicio en curso”. Non obstante, dende A Rúa tamén ratifican que este será un ano de contención importante no gasto “xa que só no referido á débeda viva atopámonos case 20 puntos por riba do obrigado por lei”.

Artigos relacionados

Back to top button