ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa impulsará a delimitación definitiva do Camiño de Inverno ao seu paso polo municipio

O pleno municipal aprobaba unha moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego

 

Na tarde deste luns 5 de xullo o celebrábase no Concello da Rúa a sesión plenaria correspondente ao mes de xullo na que se aprobaban cinco puntos, tres deles despois de ter aprobada a urxencia (cos votos en contra do BNG e do PSOE) xa que non foran ditaminados en comisión. É o caso dos festivos locais para o ano 2022 que serán o 13 de xuño (San Antón en Fontei) e o 8 de agosto (Festas de Verán).

Do mesmo xeito era aprobado o convenio do Xeodestino Nº 12 Manzaneda-Trevinca cos votos a favor do PP e do PSdeG-PSOE quen ve con bos ollos a reactivación do proxecto tanto tempo paralizado. “Coa incorporación da nova xerente do Inorde parece que hai interese por esta zona”, aseguraba o alcalde popular, Álvaro Fernández. O BNG abstíñase porque “os Concellos deben ter poder de decisión sobre o seu territorio e tal como está plantexado queda totalmente incapacitado”, dixo María G. Albert. O Pleno tamén aprobaba, cos votos en contra de BNG e PSOE, a proposta do alcalde de modificar a ordenanza reguladora do servizo de Ludoteca e do Tempo de Lecer para que poidan acceder os nenos aínda que non teñan cumprido os 3 anos no momento de inscribirse.

 

Votación da moción do BNG por un novo modelo de enerxía eólica.

 

A orde do día incluía dúas mocións presentadas polo BNG que tamén eran aprobadas. A primeira, cos 2 votos a favor do PSOE, os 3 do Bloque e 1 do RUA, “en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación”, ante o proxecto de tres parques que afectarán directamente Á Rúa e cuxo poligonal chegará ata a Casa Grande de Fontei (sete afectan á comarca), segundo explicou a portavoz nacionalista, María G. Albert. O texto coas medidas para demandar á Xunta inclúe entre outros puntos, “desenvolver e aprobar un novo marco regulatorio do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e mdioambientais, a comezar por un novo plan sectorial que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións veciñais, agraria, ecoloxistas, sindicais, centros e investigaión, comunidades de montes, etc)”. O PP votou en contra, alegando que “estanse facendo ben as cousas e entendemos que se está cumprindo a normativa e se non é así, para iso estarán os tribunais”, dixo o alcalde. Dende o RUA, José Vicente Solarat tamén votou en contra alegando que “non é un tema sobre o que nos corresponda actuar a nós”.

A segunda moción presentada polo Bloque, aprobada finalmente por unanimidade, é para o impulso da delimitación definitiva do Camiño de Inverno. Dado que segundo apuntou González Albert o trazado é provisional “co cal non se pode facer nada nin pedir subvencións” e despois de 5 anos, “é imperativo que a Xunta inicie o proceso de delimitación definitiva”, a moción pedía “instar á Xunta de Galicia a incoar o procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno; e promover a modificación do Plan Básico Autonómico corrixindo o trazado onde xurdan discordancias co trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo”.

Inicialmente PP e RUA anunciaran a súa intención de votar en contra, pero finalmente votaban a favor ao incluír no primeiro punto o texto “especialmente o tramo de Valdeorras ao seu paso pola Rúa”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button