ConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa informa ao Pleno sobre a liquidación presupostaria do ano 2018

A sesión ordinaria tiña lugar na tarde do 13 de xaneiro

 

Cunha semana de retraso sobre a data estipulada oficialmente (primeiro luns cada dous meses) por ser festivo o luns día 6, na tarde do 13 de xaneiro celebrábase a sesión ordinaria do Pleno no Concello da Rúa. Unha sesión de trámite na que se denegaba cos votos en contra do PP e do RUA, a moción presentada polo PSdeG-PSOE sobre os horarios das Comisións Informativas.

O voceiro socialista Luis Fernández Gudiña solicitaba a adaptación do horario para que todos os membros da corporación tiveran posibilidade de asistir, alegando que no horario actual, pola mañá, moitos non poden e suxerindo facelas pola tarde nun horario similar ao dos Plenos (20:15h.). Unha proposta que o alcalde popular Álvaro Fernández rexeitaba alegando que sempre haberá quen non poda asistir. “Hai xente que traballa pola mañá e xente que traballa pola tarde, con horarios moi dispares polo que habería que poñelas a partir das once da noite. Outra cousa é que se podan cambiar de data se se xustifica que non se pode asistir, para iso non habería problema pero xa que temos os Plenos pola tarde deixaremos as Comisións polas mañás”. A proposta do POSE contou co apoio do BNG pero non do RUA que votou en contra. “Hai capacidade de substitución para quen non poda asistir e non vexo necesidade de cambialas”, asegurou o voceiro independente, José Vicente Solarat.

 

O alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, durante o Pleno.

 

O outro punto da orde do día era a información sobre a liquidación presupostaria correspondente ao exercicio 2018. Trátase da conta na época na que gobernaba na Rúa o PSdeG-PSOE, por iso foi o seu voceiro quen defendeu os datos do informe de intervención asegurando que “o remanente de tesoureiría sae positivo, e as contas reflicten unha capacidade de financiación superior aos 300.000 euros, que cumpre coa regla de gasto cunha débeda viva do 60,74%, a máis baixa dos últimos anos e por debaixo do 75% que é o que recomenda a lexislación vixente, polo que podemos dicir que o anterior equipo de goberno cumpriu co obxectivo que se marcaba de mellorar as contas”. O alcalde, pola súa banda asegurou que non é para estar orgullosos xa que segundo os técnicos foi “un traballo feito case a cegas por non ter a contabilidade ao día. Levamos dous anos de retraso, perdéronse subvencións incluso hai proveedores que nos están reclamando facturas das que non tiñamos constancia, así que é unha sorte que poidamos pechar o exercicio e ter a conta xeral preparada e presentada”. O voceiro do RUA pola súa banda asegurou que “hoxe o que deberiamos é celebrar que poidamos aprobar o exercicio do 2018 porque iso vainos permitir poder estar outra vez na liña de saída para a solicitude de subvencións. Debemos tratar, entre todos, de cumprir polo menos coas formas”, sentenciou José Vicente Solarat.

Xa no turno de rogos e preguntas, entre as preocupacións do PSOE está a situación da negociación polos terreos para o futuro Centro de Saúde ao que o alcalde respondía que “van por bo camiño. Estamos pendentes da resposta a unha consulta feita á Deputación a finais de decembro. Esa iformación pode ser importante e se hai boas novas farase saber”. Luis Fernández tamén se preocupou pola solicitude do club de tiro con arco dun local para adestrar no inverno ao que o alcalde contestou que o Concello non ten espazo dispoñible pero si fixo de intermediario cun particular que está disposto a prestarlle un. “Estamos pendentes dunha reunión para ver as condicións pero penso que se pode atopar unha solución favorable para todos”.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button