A RúaConcellosÚltima hora

O Concello da Rúa manifesta a súa posición en contra da perda de servizos na estación de ferrocarril

A moción presentada polo grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego era aprobada cos votos a favor do PP e do RUA ademais dos seus

 

O Pleno ordinario do mes de novembro no Concello da Rúa será lembrado principalmente por dous motivos. O primeiro por ter retirado da orde do día a aprobación dos orzamentos 2020 despois de ter comezado o debate coa intervención da voceira nacionalista María G. Albert. O segundo, pola duración (tres horas) e a inclusión na orde de ata sete mocións das tres forzas políticas: catro do BNG, unha do PSdeG-PSOE e dúas do PP.

A primeira, aprobada cos votos a favor do Partido Popular, do Bloque Nacionalista Galego e do RUA (o PSOE abstíñase), foi a relativa ao peche da venda presencial de billetes na estación de ferrocarril do Concello. “No caso da Rúa, tal e como xa temos manifestado fai un ano no anterior ataque á nosa estación, o ferrocarril ten desenvolvido até o de agora un papel de dinamizador económico e social que RENFE e ADIF están a menoscabar de maneira continuada cunha política de abandono que, ademais, explican co cinismo de que xa non hai usuarias cando eliminan servizos dos que poder exercer uso”, aseguraba a edil nacionalista na exposición de motivos. Finalmente, o acordo ao que chegaba o Concello da Rúa é o de instar á Xunta a que “adquira unha posición activa na reclamación ao Estado da recuperación de servizos na estación da Rúa; demandar ao Goberno central a recuperación da venda de billetes de tren das estacións da Rúa-Petín así como dos trens eliminados; e poñerase en contacto con RENFE para “reclamar o mantemento da venta de billetes na estación da Rúa-Petín e a recuperación dos trens eliminados”.

 

O alcalde da Rúa, o popular Álvaro Fernández, no Pleno.

 

No turno de intervencións, o alcalde popular Álvaro Fernández manifestou o apoio do seu partido á iniciativa, mentres que o socialista Luis F. Gudiña asegurou que se abstiñan para “deixar tempo a que fructifiquen as negociacións do Goberno co Adif”, asegurando que le preocupa máis a perde de trens que a venda de billetes na estación. O independente José Vicente Solarat pola súa banda, asegurou que non se ían opoñer (sendo el como é neto e fillo de ferroviarios) pero “hai que recoñecer que a xente non colle o tren e os que viaxan en avión, unha porcentaxe bastante grande, non mercan os billetes nos aeroportos, senón dun xeito telemático. Adif é unha empresa e como tal vela polos seus beneficios”, sentenciou.

O BNG presentou outras tres mocións. Dúas foron aprobadas por unanimidade: unha sobre a prolongación ao ano 2021 do Día das Letras Galegas adicado a Carvalho Calero; e outra sobre o 25N, Día internacional da eliminación da violencia  contra as mulleres. O PP tamén presentou unha moción a este respecto polo que as debateron de forma conxunta, sendo aprobadas as dúas por unanimidade.

 

A voceira nacionalista, María G. Albert durante unha das súas intervencións no Pleno.

 

A cuarta moción presentada polo grupo nacionalista xiraba en torno á “reactivación da asistencia sanitaria na  Rúa”. A edil nacionalista asegura que o centro de saúde rues “estase a ver afectado, como todos os do país, por unha sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, o persoal administrativo, xs celadorxs ao límite, soportando unha presión tremenda, xa que é imposíbel xestionar tanta chamada como a que se produce. As consecuencias son desastrosas, escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de espera de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras) persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros”. Por todo isto propoñía ao Concello, instar á Xunta a “realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID 19, mais tamén ao resto das patoloxías”, así como aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria ata chegar ao 25%, entre outras demandas que non serán atendidas ao ser rechazada a moción.

 

O edil socialista, Luis F. Gudiña expoñendo a moción.

 

Os socialistas votaron a favor amosando o seu apoio á sanidade pública. O PP votou en contra alegando todas as mediddas que dende a Consellería de Sanidade xa se están levando a cabo. Con respecto ao grupo RUA, Alberto abstíñase mentres que José Vicente votaba en contra despois de loar o traballo que está desenvolvendo Sanidade nestes momentos. Co empate a 5 fíxose válido o voto de calidade do alcalde.

O PSdeG-PSOE tamén presentou unha moción, relativa á xestión do xabarín. “Vimos observando nos últimos anos que a proliferación do xabarín no noso concello, que nun principio se reducía as ladeiras montañosas que o rodean, a zona do Aguillón e a Lagoa estase desprazando a outras partes como a Veiguiña, o Redondo, etc. nas que xa non é nada raro ver incluso manadas de xabarís entre as cepas en lugar de individuos en solitario o que xera danos importantes nas producións hortícolas, nos viñedos así como na castaña, nos conchos,… co conseguinte malestar lóxico dos propietarios das fincas”, explicou o edil, Luis F. Gudiña, polo que propoñian instar á Xunta a poñer en marcha un Plan de xestión para controlar e estabilizar a súa poboación, consensuada cos sectores afectados e implicados; así como un Fondo de Corresponsabilidade dotado economicamente de xeito suficiente para o pago de indemnizacións de danos, e de medidas preventivas.

 

José Vicente Solarat, do RUA, durante a súa intervención.

 

A moción era rexeitada cos votos en contra do PP (alegando que a Xunta xa está trabllando neste tema) e RUA (propoñendo facer unha petición específica para tratar a problemática da Rúa), contando co apoio do BNG.

A última moción do longo Pleno era a presentada polo Partido Popular para “instar ao goberno a que se ingresen as contías do IVE non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do suministro inmediato de información (SII)”. A moción foi aprobada cos votos a favor do BGN, RUA e PP. O PSOE votou en contra.

Fotos: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button