DeportesÚltima hora

O Concello da Rúa pospón o inicio das escolas deportivas ata o vindeiro ano

Alega que "na comarca seguen a producirse contaxios e calquera data que decidamos sería incerta e con moita probabilidade de continua variación"

 

Na tarde-noite deste mércores 28 de outubro, o Concello da Rúa publicaba nas redes sociais un comunicado explicando os motivos polos que decidían pospoñer o inicio das escolas deportivas “de xeito indefinido ata que a situación sanitaria permita un desenrolo óptimo das mesmas, coa finalidade de minimizar en todo o posible o risco de contaxio”.

O comezo das escolas deportivas municipais 2020/2021 na Rúa estaba previsto inicialmente para o 15 deste mes, pero o notable aumento de casos positivos de Covid-19 na comarca de Valdeorras, obrigaba ao Concello a pospoñer dito inicio, deixando transcorrer o mes de outubro “para estudar a situación nese período de tempo e chegado novembro abrir as escolas”, explica o alcalde, Álvaro Fernández no comunicado, recalcando que “en todo momento manexamos a idea de que as datas que indicásemos estarían supeditadas sempre á evolución da pandemia nese momento”.

A día de hoxe, a situación provocada polo coronavirus segue sendo crítica en todo o país, vendo moi de cerca como en Galicia e na comarca de Valdeoras, aínda que con datos máis favorables, seguen a producirse contaxios sen chegar a estabilizarse a situación. Por iso, a poucos días da entrada ao mes de novembro e agardando que a situación mellore “cremos convinte pospoñer a apertura das escolas ata pasar este ano e evitar así que os usuarios continúen á espera xa que calquera data que decidamos neste momento sería claramente incerta e con moita probabilidade de continua renovación”, continúa o comunicado, lembrando que se o consideran convinte quen o desexe pode solicitar o reembolso da cantidade xa pagada ao formalizar a matrícula “ou agardar ao ano que vén a que se produza a apertura do servizo xa que nese momento realizaranse os cálculos correspondentes”.

Artigos relacionados

Back to top button