CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O Concello da Rúa propón un “Campamento na casa” a través do Facebook

A iniciativa comezará mañá 30 de marzo para "facilitar o confinamento dos máis pequenos"

 

O confinamento decretado polo Estado e que se prolongará alomenos ata o 10 de abril, achega un punto de incertidume e nerviosismo no día a día. Conscientes desta situación excepcional provocada polo Covid-19, dende o Concello da Rúa propoñen unha divertida iniciativa a través do Facebook especialmente pensada para os nenos, o colectivo que peor o está pasando por non poder saír.

Trátase dun “Campamento na casa” a través do cal os pequenos, xunto coa súa familia, poderán crear, compartir, imaxinar… sentindo así o papel tan importante que están a desempeñar permanecendo nos seus fogares.

O programa comezará mañá, 30 de marzo, na páxina de Facebook Campamento Na Casa – Concello de A Rúa e o primeiro paso para comezar a aventura é que todos os nenos e nenas que se animen a participar deberán ter con eles o calendario de actividades publicado onte. Con axuda dos pais ou familiares que se atopen na casa, poden imprimila ou copiala a man nun folio.

 

 

Cada día sinalado nese calendario, aparece a actividade a realizar que os participantes deberán ir marcando conforme vaian completando. Así, unha vez rematen o Campamento, “poderán ver cantas conseguiron realizar con éxito. Isto terá unha especial recompensa que desvelaremos cando todo pase”, explican dende o Concello. A medida que se complete cada xogo, os participantes poden enviar fotos co resultado das actividades a este correo: campamentonacasa@gmail.com ou por mensaxe á páxina de Facebook.

Ademáis dos xogos que aparecen anunciados na lista, haberá moitas sorpresas que irán publicando ao longo destes días e que versarán sobre o deporte na casa.

Artigos relacionados

Back to top button