ConcellosÚltima hora

O Concello de Folgoso do Courel aproba un orzamento de 1,5 millóns de euros

Nel "refórzase a contía destinada a gasto social e os investimentos reais", segundo o grupo de goberno

Sesión plenaria en Folgoso do Courel./ Foto cedida.

 

O Concello de Folgoso do Courel vén de aprobar o orzamento municipal para o 2021, cun importe total de 1.549.444,91 euros e no que “se reforza a contía destinada a gasto social e os investimentos reais”, tal e como se indica dende esta administración local. Este orzamento saían adiante cos votos a favor do equipo de goberno, do PP, e coa abstención de Courel Vivo e PSdeG-PSOE.

“En concreto, o gasto social absorbe un cuarto do orzamento municipal para atender todos os programas sociais, o servizo de axuda a domicilio nas súas dúas modalidades, o programa Xantar na Casa, así como os gastos derivados dos mesmos (auxiliares, traballadora social, desprazamentos, etc)”, segundo o seu grupo de goberno.

Así o Concello manterá en 2021 as axudas que concedeu o pasado ano, ao que se engadirá unha nova para o transporte dos maiores con poucos ingresos. Mantéñense ademais as subvencións para o CEIP Poeta Uxío Novoneyra, a ANPA, as axudas para a adquisición de libros e material escolar, de apoio á natalidade, transporte e tamén para emerxencia social.

Construción dun novo miradoiro

En materia de turismo, séguese apostando polo obradoiro de emprego, que, entre outros cometidos, está a recuperar a alvariza de Santa Eufemia. O goberno local proxecta unha área de autocaravas na mesma zona e a construción dun miradoiro no Alto do Boi para as persoas con mobilidade reducida.

Tamén se seguirá traballando na rede de itinerarios tras a adhesión á Rede de Instalacións Permanentes de Trail Running de España co obxectivo de promocionar actividades saudables e reactivar o turismo deportivo especializado.

250.000 euros para investimentos reais

Por outra banda, o goberno local de Folgoso dedica a investimentos reais 250.000 euros que se destinarán a diversas obras, así como á mellora de accesos e camiños rurais. Unha das actuacións que recollen os Orzamentos e a adecuación de accesos e a contorna da igrexa de Esperante.

A estas actuacións súmase a pavimentación e rúas e rexeneración de estradas en Seceda, Miraz, Parada, Eiriz ou Noceda, entre outras. As contas tamén recollen a adquisición dun vehículo dumper. A rexedora de Folgoso do Courel, Lola Castro, explica que se pretende “ter as estradas do concello en perfectas condicións para o que xa empezamos a botar aglomerado nas estradas municipais”.

 

Artigos relacionados

Back to top button