ConcellosLaroucoÚltima hora

O Concello de Larouco aposta polo fomento da riqueza forestal do municipio

A súa alcaldesa vén de manter unha reunión co conselleiro do Medio Rural na que coincidiron na necesidade de "continuar impulsando o desenvolvemento deste concello mediante o aproveitamento do seu potencial forestal e de intensificar o labor de prevención fronte os incendios"

A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, na reunión co conselleiro do Medio Rural.

 

O Concello de Larouco e a Xunta de Galicia reforzarán a súa colaboración en materia forestal. Así o anunciaban tras a reunión de traballo que veñen de manter o conselleiro do Medio Rural, José González, e a alcaldesa deste municipio ourensán, Patricia Lamela. Previamente, a rexedora tamén mantivo encontros cos directores xerais de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Na súa reunión co conselleiro, a alcaldesa e o titular de Medio Rural coincidiron na “necesidade de continuar impulsando o desenvolvemento deste concello mediante o aproveitamento da súa riqueza forestal e de intensificar a prevención fronte os incendios”, segundo informa a consellería.

Por unha banda, avaliaron as posibilidades de recuperar e poñer en valor a xestión forestal activa nas superficies de monte que ten o territorio municipal, tanto públicas como veciñais e de particulares. Ambos avanzaron en diferentes liñas de traballo neste sentido, ao amparo da lexislación forestal vixente, fundamentalmente a Lei de Montes de Galicia, e tamén ao abeiro da futura Lei de Recuperación e Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, que iniciará en breve a súa tramitación parlamentaria. Trátase de reactivar os montes de Larouco para mellorar a súa rendibilidade, tanto económica como social e ambiental, aproveitando os instrumentos que habilitan estes e outros textos legais relacionados coa dinamización do territorio rural galego.

E, ademais, en relación coa riqueza forestal, o conselleiro e a rexedora avanzaron na colaboración que manteñen a Consellería e o Concello en materia de prevención e anticipación fronte os incendios. Neste sentido, ambos os dous destacaron que Larouco é un municipio adherido ao convenio de protección das aldeas que ten asinado Medio Rural coa Fegamp e Seaga, para impulsar a xestión da biomasa nas faixas próximas ás vivendas. En relación con este convenio, nesta xuntanza de traballo avanzouse na súa aplicación práctica, a prol dunha efectiva potenciación das medidas preventivas fronte o lume.

 

Artigos relacionados

Back to top button