EconomíaEconomíaÚltima hora

O Concello de Manzaneda decide denunciar á REE por incumprimento de convenio

Nese documento o grupo empresarial comprometíase a desmontar a antiga liña de Alta Tensión de 220 kw entre Trives e Aparecida e ata agora non o fixo. A decisión de demandala tomábase no último pleno municipal
O alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, e o deputado Davide Rodríguez, xunto á liña de alta tensión.

O Concello de Manzaneda vén de demandar a Red Eléctrica Española (REE) por incumprimento do convenio asinado no que se comprometía a desmontar a liña obsoleta de Alta Tensión entre Trives e Aparecida. Así o ratificaba o pleno do Concello de Manzaneda, presidido polo alcalde Félix Domínguez, que se celebraba este pasado 30 de novembro. “Xa con data de 1 de xuño do presente ano, o Concello mandoulle un requirimento a REE instandoa a desmontar de forma inmediata a antiga liña de 220 kw co fin de evitar os evidentes perxuízos que a súa existencia actual supón, non recibindo a día de hoxe ningunha resposta por parte da compañía eléctrica”, explican dende o Concello de Manzaneda.

Ademais dende esta administración local recórdase que “en setembro do ano 2009, Rede Eléctrica de España S.A., en base ao artigo 4.2 do Real Decreto 195572000, de 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, proxectou o transporte de enerxía eléctrica de nova xeración en Galicia e Castela León. Argumentouse a necesidade de alimentar electricamente o futuro tren de alta velocidade Madrid-Segovia-Valladolid-Zamora-Ourense-Vigo, ademais de indicar a mellora da seguridade e calidade da subministración en Galicia e Castela-León e posibilitar a exportación da crecente produción de orixe eólica. Razón pola que procedeu á instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto para conectar as subestacións de Trives (Ourense) e Aparecida (Zamora)”.

Na parte expositiva das estipulacións, asinadas entre o Concello e os representantes de REE, “ademais de diferentes compromisos, como o respecto ambiental e a reposición de posibles danos ao seu estado orixinario, sinálase que a nova liña de alta tensión de 9,780 quilómetros, substituiría á actual liña de transporte de enerxía eléctrica de 220 kV de simple circuíto. Afirmando taxativamente que esta última liña será desmontada unha vez que se puxo en servizo a futura liña eléctrica a 400 kV. É dicir, Rede Eléctrica de España S.A. comprometeuse no ano 2009 a retirar a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, situada entre Trives e Aparecida (Ourense e Zamora) unha vez que estivese en funcionamento a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 kV, dobre circuíto, que conectaría as subestacións de Trives e Aparecida, e cuxo trazado discorre parcialmente polo municipio de Manzaneda (Ourense)”, sinalan dende o Concello de Manzaneda.

Sen embargo, o compromiso non se cumpriu “e actualmente están en funcionamento, desde hai dous anos, e discorren polo municipio, unha liña de 400 kV (simple circuíto) e a antiga liña de 220 kV. REE cambiou o proxecto a un dobre circuíto 400kV/220kV sobre os mesmos apoios que non foi completado no tramo Conso-Trives no que se mantén as dúas liñas de maneira independente. En consecuencia, os veciños e veciñas de Manzaneda, entre outros, teñen que soportar, sete anos despois, dúas liñas de alta tensión ao seu paso por este municipio contravindo así os acordos alcanzados, o que resulta, de xeito evidente, unha anormalidade que debe corrixirse canto antes”, destacan dende o Concello.

Lémbrase tamén que no Parlamento galego, aprobouse unha proposición non de lei por unanimidade do grupo parlamentar de En Marea instando a Rede Eléctrica de España S.A., como transportista único e xestor da rede de transporte a “umprir, o máis axiña posible, co compromiso adquirido e proceder ao desmantelamento da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 220 kV, simple circuíto, no tramo Conso-Trives”.

Os incumprimentos de REE, “tanto cos acordos adoptados no Parlamento galego, como nos requerimentos do Concello de Manzaneda, obriga a este último a demandar a Red Eléctrica Española por incumprimento do convenio asinado no que se comprometía a desmontar a liña obsoleta de Alta Tensión entre Trives e Aparecida”, segundo o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button