ConcellosÚltima hora

O Concello de Manzaneda solicita, vía requerimento, a retirada “de forma inmediata” da antiga liña de 220Kv

Este requirimento, adianta o alcalde de Manzaneda, será o “paso previo a denuncia a REE en caso de non obedecelo”
O alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, e o deputado de En Marea, Davide Rodríguez, baixo a liña de alta tensión que REE ten pendente retirar./ Foto cedida.

 

O Concello de Manzaneda vén de enviarlle á empresa Rede Eléctrica de España (REE) un requerimento para o “desmantelamento de forma inmediata da antiga liña de 220Kv que cruza o concello, tal e como se comprometeron no ano 2009”, din dende a Administración local

Neste documento, o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, lembra o convenio asinado entre o Concello e os representantes de REE para “construír por terreos deste Concello, nun tramo aproximado de 9,780 Kms., a liña aérea de transporte de enerxía eléctrica, a 400 KV, dobre circuíto, que conectara as subestacións de Trives (Ourense) e Aparecida (Zamora)”. Neste acordo, segundo prosegue o texto, “estipulábase que esta nova liña de transporte substituiría á liña aérea existente de transporte de enerxía eléctrica, a 220 KV, simple circuíto, Trives-Aparecida, que sería desmontada unha vez que se puxera en servizo a liña eléctrica, a 400 KV, Trives-Aparecida”.

O rexedor de Manzaneda incide en que a liña de 400 KV “xa está en funcionamento dende hai tempo e a antiga aínda non ten sido desmontada, con todos os perxuízos, molestias e danos que isto conleva”. Por iso require “en nome do Concello de Manzaneda, a REE para que desmonte de forma inmediata a liña antiga de 220 kV, co fin de evitar os evidente perxuízos que a súa existencia actual conleva”.

Este requirimento, adiantan dende o Concello de Manzaneda, será o “paso previo a denuncia a REE en caso de non obedecer o requerimento”.

Artigos relacionados

Back to top button