ConcellosEn portadaÚltima hora

O Concello de Manzaneda traslada a parte dos usuarios da súa residencia ao Centro de Día

Con esta medida, moi pensada e coas autorizacións pertinentes, preténdese "protexelos da mellor forma posible" sinala o alcalde

 

Seguindo as recomendacións da autoridade sanitaria, dende o Concello de Manzaneda vén de tomarse a decisión de trasladar a parte dos usuarios da súa residencia ao centro de día, “para así protexelos da mellor forma posible”, segundo sinala o seu alcalde, Amable Fernández.

O rexedor lembra que está medida xa se poñía sobre a mesa na xuntanza que celebraba o Comité de Emerxencia da Área Sanitaria do PAC de Trives (Manzaneda-Río-Trives) co responsable sanitaria da área. “Un dos puntos máis importantes tratados nesta reunión foi a posibilidade de illar ou separar o máximo posible aos residentes, posto que a distancia interpersoal é o mellor método de prevención e, chegado o caso, a mellor maneira de loitar contra os contaxios”, indica o alcalde.

Despois de analizar a viabilidade da idea, o Concello de Manzaneda comezou cos primeiros pasos. “En primeiro lugar, solicitamos a Sanidade o posible traslado ao centro de día. Doulle as grazas a Marisol Díaz, delegada da Xunta en Ourense, por facer de intermediaria e axilizar a autorización para realizar o cambio, unha vez que nós recibimos a conformidade coa idea do traslado”, sinala Amable Fernández.

Ademais explica que “estivemos traballando contra-reloxo para pór en funcionamento, con todas as garantías, o citado centro. Previa revisión por un técnico, puxemos en marcha todos os servizos (calefacción, lavandería e cociña), e convertemos os despachos en habitacións para residentes, tras unha limpeza e desinfección a fondo. Desta maneira, na residencia contamos con máis espazo para ter máis separación entre eles”.

Así mesmento comenta que “preparamos unha habitación para as traballadoras, que estarán illadas con eles por un período de 7 días por quenda. Na residencia, os traballadores tamén realizarán quendas de 24 horas, para que as entradas e saídas sexan as mínimas posibles”.

 

 

Unha vez realizadas as reformas necesarias, e “co visto bo da Autoridade Sanitaria da nosa área, Fidel Sampedro; procedemos a dito traslado. Queremos destacar que todas as familias dos residentes que pasan a vivir no centro de día foron informados e aceptan dito cambio con toda normalidade”, asegura o alcalde de Manzaneda.

Así mesmo, Amable Fernández resalta que “todo isto é posible grazas ao sacrificio e ofrecemento voluntario dos traballadores. Por iso, como alcalde, non podo estar máis orgulloso e agradecido a todos eles. Quero agradecerlle tamén ao resto de veciños o seu impresionante compromiso co confinamento, e que confíen en nós para a realización das súas compras, traslado de medicamentos e todo aquilo que dende o Concello lles poidamos achegar, para que saian das súas aldeas só o estritamente necesario”.

Tamén lle traslada todo “o seu afecto aos familiares dos nosos residentes, non podo nin de lonxe imaxinar o que estarán pasando ao non poder ver aos seus seres queridos dende fai semanas. Pero tamén quero trasladarlles que tanto os traballadores da residencia como do resto do Concello, así como o persoal do noso centro médico, Autoridade Sanitaria da zona e voluntarios de Protección Civil, cada un na súa parcela de actuación, traballamos con toda a nosa forza e corazón para que todos eles estean nas mellores condicións posibles, de igual maneira que traballamos por todos os nosos veciños. Se todos nos mantemos unidos e continuamos traballando xuntos, sairemos desta”.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button