OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense abre o prazo de preinscrición para o curso 2020/2021 da Escola Municipal de Idiomas

Oferta cursos de inglés para nenos e adultos, que poderán solicitar praza dende mañá no espazo web da Concellería de Educación

Escola Municipal de Idiomas de Ourense.

 

Dende mañá mércores 6 maio e ata o venres día 15, estará aberto o prazo de preinscrición para o curso 2020/2021 da Escola Municipal de Idiomas de Ourense. As persoas interesadas poden facelo a través da páxina web da Concellería de Educación, www.educacionourense.com.

Tal como adiantan dende o Concello, a escola oferta cursos de inglés para persoas de todas as idades, cuxa duración coincide co curso escolar. Para os nenos hai grupos específicos para cada un dos cursos de Educación Primaria (1º a 6º), con clases de 50 minutos dúas tardes á semana. Para as persoas adultas, ofértase o ensino en 3 niveis: iniciación, elemental e pre-intermedio, con clases de 110 minutos unha tarde á semana.

As taxas que se aplican son 19,80 euros pola matrícula e 59,60 como cota trimestral. Desde o 18 ao 29 de maio, o alumnado poderá entregar a documentación requirida: unha copia da solicitude xerada na pre inscrición online a través da conta de enderezo de correo electrónico: escoladeartes@ourense.es, ou ben a través da SEDE electrónica do Concello de Ourense, a través do rexistro online.

Para participar nos cursos é necesario que a persoa solicitante estea empadroada no Concello de Ourense. Como criterios para a selección do alumnado teranse en conta os criterios de renda da unidade familiar, a condición de familia numerosa, a existencia no seu caso de discapacidades, a asistencia de irmáns ou irmás á escola e, no caso de empates, a data de presentación de solicitudes.

Artigos relacionados

Back to top button