OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense abrirá de inmediato o albergue da rúa da Barreira “se resulta necesario”

O outro albergue, emprazado na praza do Trigo e que conta con 18 prazas, aínda non está cheo

O albergue de peregrinos da rúa Barreira, en Ourense.

 

O Concello de Ourense abrirá de inmediato un novo albergue se as circunstancias o fan preciso nas instalacións do albergue de peregrinos da Xunta, na rúa da Barreira. Segundo informan dende o ente municipal, a Administración Autonómica puxo hoxe o inmoble a disposición do Concello para que o utilice “no caso de que sexa necesario”, ante a situación de emerxencia polo coronavirus.

A concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, visitaba na mañá do 20 de marzo as instalacións xunto co equipo da concellería, onde constatou que “o edificio se atopa nas condicións axeitadas para poñerse a funcionar no momento en que fose preciso”. Neste senso, lembra a concelleira que o albergue do Concello, emprazado na praza do Trigo, e que conta con 18 prazas, “non está cheo”, máis, en caso de que fose preciso nalgún momento, “abriríase de inmediato o albergue cedido pola Xunta”. Ademais, se as circunstancias fosen precisas, o Concello abriría un terceiro albergue, nas instalacións do antigo albergue de peregrinos de San Francisco, con capacidade para 12 prazas máis.

O albergue de peregrinos da rúa da Barreira é un edificio de recente construción que entrou en servizo en decembro de 2018, e ten capacidade para aloxar 13 persoas mantendo as distancias de seguridade recomendadas, máis unha habitación que o Concello mantería reservada por se fose preciso illar algunha persoa. Ao igual que o albergue principal, estaría aberto as 24 horas do día e, ademais do almorzo, ofrecerialles ás persoas usuarias a comida e a cea para que non teñan a necesidade de saír do recinto.

Artigos relacionados

Back to top button