OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense acenderá as luces de Nadal coincidindo coa reapertura da hostalería ourensá

Segundo as previsións será en torno ao día 5 de decembro

Luces de Nadal en Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Aínda que a primeira data dispoñible por contrato sería o 27 de novembro, definitivamente o Concello de Ourense atrasará unha semana o pistoletazo de saída do Nadal, buscando facer coincidir o acendido das luces coa volta e reapertura da hostalería ourensá, en torno ao día 5 de decembro, segundo as previsións.

O pasado ano xa se acenderan as luces ese día, e para este ano o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xa anunciara en rolda de prensa que a data de acendido podería ser calquera desde o 27 de novembro, aínda que se enfocaba cara á véspera da ponte de decembro. Agora si, xa non hai dúbida, o Concello definitivamente agardará a que volva a hostalería para dar o acendido inaugural.

O goberno municipal entende que facer coincidir o acendido das luces do Nadal coa volta ao público dos locais de hostalería, “non só é un acto de solidariedade co sector, senón que é ademais un modo de anunciar aos catro ventos a todos os ourensáns, que a hostalería está de volta, e que a cidade entrégase (sempre con precaución ante á denominada nova normalidade), ao espírito e festexos do Nadal”.

O goberno local confía que para esas datas unha esperada remisión da pandemia faga factible todo iso e subliña que “este ano a cidade de Ourense terá as mellores luces de Nadal da historia, tanto cualitativa como cuantitativamente, xa que chegarán a aínda máis rúas dos barrios, que o pasado ano que xa foron as máis extensas de sempre”. A rúa do Paseo non levará arcos de adornos cada certos metros, senón que toda ela estará cuberta completamente por un teito, un manto de luces continuo.

Artigos relacionados

Back to top button