OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense acordará unha ampliación do espazo destinado á colocación de terrazas

A superficie total, incluíndo a ampliación, "nunca poderá exceder do dobre da superficie inicial, debendo deixar un espazo peonil libre non inferior a dous metros"

 

O goberno municipal acordará unha ampliación dos espazos destinados a veladores -colocación de terrazas- para os establecementos de hostalaría da cidade de Ourense que na actualidade contan coa correspondente licenza. Así o anunciaba na mañá deste mércores 20 de maio, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, lembrando que, segundo o artigo 15 da Orden Ministerial do día 9 de maio, “permítese a apertura de locais de hostalaría, unicamente no relativo ás terrazas, limitadas ao 50% das mesas e cadeiras permitidas no ano inmediatamente anterior de acordo coa licenza municipal”.

Co obxectivo de “recuperar, na medida do posible, a actividade económica”, adoptarase esa medida de ampliación, afirma Pérez Jácome, deixando claro que “sempre dentro do cumprimento estrito das normas sanitarias e de seguridade”, sobre todo as referidas ás distancias establecidas entre as mesas, así como á mobilidade dos peóns nesas zonas onde se aplique esa ampliación.

En canto ao procedemento, tal como explican dende o Concello, iniciarase coa solicitude que deben realizar os titulares dos locais de hostalaría que xa conten cunha licenza para a instalación das terrazas na vía pública, cumprindo unha serie de requisitos, que deberán acompañar dunha declaración responsable á que se unirá o plano de ampliación que se solicita, asinado por un técnico responsable, e o consentimento expreso dos titulares dos locais afectados pola ampliación.

Un dos requisitos fai referencia a que “a superficie total destinada á terraza, incluíndo a ampliación, nunca poderá exceder do dobre da superficie inicial, debendo deixar un espazo peonil libre non inferior a dous metros”. No caso das prazas públicas, contémplase que “a ampliación deberá deixar un espazo para os peóns de polo menos seis metros”, aínda que o Concello resérvase a facultade de ditar instrucións específicas sobre a materia cando considere que o espazo público que se propón resulta “excesivo, desproporcionado ou limite o seu uso público”.

O que se manterá será o horario de peche, que remata as 23 horas, como se acordou o pasado 15 de maio, para evitar entrar en “incongruencia” cos  criterios establecidos polo Goberno central, no relativo a limitacións fixadas para a mobilidade das persoas, segundo a Alcaldía.

Artigos relacionados

Back to top button