Ourense

O Concello de Ourense busca rendibilizar o potencial xeotérmico da cidade

Promove un proxecto para estudar as posibilidades de desenvolvelo como fonte de enerxía renovable
Ourense conta con recursos xeotérmicos de baixa e media temperatura. // Foto: Carlos G. Hervella.
Ourense conta con recursos xeotérmicos de baixa e media temperatura. // Foto: Carlos G. Hervella.

O Concello de Ourense vén de presentar o proxecto GEOAtlantic á primeira covnocatoria do Programa Interreg Espacio Atlántico 2014-2020. O proxecto que promove o Concello pretende estudar as posibilidades de desenvolvemento da enerxía xeotérmica no territorio como fonte de enerxía renovable e impulsar proxectos demostrativos da súa utilización. O plan enmárcase na estratexia do Concello de chegar a ser “referente de innovación e rendibilizar os nosos recursos naturais para xerar riqueza e oportunidades de negocio na nosa cidade”, asegurou o concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar.

O uso desta enerxía en Ourense limítase actualmente á actividade balnearia e a un uso puntual en instalacións públicas pero agora o que se pretende é facer un uso máis extensivo do recurso. A cidade dispón incluso de recursos xeotérmicos de distintas temperaturas. Así, a baixa está a 50-90º, e atópase a 500-2000 metros. A media temperatura está entre 110 e 130º e atópase a 1.500-2.000 metros.

En localidades doutros países europeos que contan con condicións similares, empregan esa enerxía para xerar calefacción, aire acondicionado e auga quente sanitaria. Nesta liña, tamén se pretende estudar en Ourense o posible uso para producir electricidade mediante ciclos binarios.

Artigos relacionados

Back to top button