OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense cancela todas as actividades municipais nas que participe unha colectividade de persoas

Exterior do Concello de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, vén de reunirse de urxencia este mediodía cos voceiros de todos os grupos municipais para comunicarlles as medidas que implantará o Concello de Ourense en relación coa expansión do coronavirus desde este momento. Tamén convocou para mañá venres unha reunión da xunta de portavoces na que afondar máis polo miúdo en todos estes aspectos.

O Concello de Ourense entende que debe “seguir o ronsel das autoridades sanitarias -o Estado e a Xunta de Galicia- no tocante ás medidas preventivas e restritivas para paliar o caso de contaxios do COVID-19 (coronavirus), e desde este momento cancela todas as actividades de cursos e actividades organizadas polo Concello na que participen grupos de persoas”, segundo vén de informar a través dunha nota de prensa.

Inclúense aquí clases, cursos ou actividades das escolas deportivas en instalacións municipais, clases dos programas formativos da Universidade Popular, das escolas municipais de música e de teatro, así como de todas aquelas programadas na rede de centros cívicos municipais, o Espazo Lusquiños, a piscina termal das Burgas, actividades das asociacións veciñais e, en definitiva, todas aquelas actividades de grupo que dependen do Concello.

Todo isto na liña das medidas anunciadas esta mañá polo presidente da Xunta:
Peche de centros sociocomunitarios
Suspensión da actividade lectiva e extra escolar durante 14 días
Limitar a 50 persoas o aforo en espazos pechados
Protocolo de actuación no emprego público
Comité de seguridade

O concelleiro de Recursos Humanos, Armando Ojea, presidiu esta mañá a xuntanza do comité de seguridade do Concello de Ourense, no que participan xunto ao goberno municipal, os sindicatos con representación no Concello de Ourense, CSIF, CCOO, SAP, SPPME, CIG, USO, e UGT, o director xeral de Recursos Humanos e o equipo técnico do servizo de prevención do Concello.

Na xuntanza trasladoulles a vontade de “definir medidas fronte á expansión do coronavirus, seguindo as directrices que definan as autoridades sanitarias”, tendo como referencia as que se determinen na xuntanza que no día de hoxe mantén o conselleiro de Sanidade coa Federación Galega de Municipios e Provincias.

Neste marco de medidas, queda tamén suspendida a representación da obra de teatro “Si esto es un hombre”, programada para esta tarde no Auditorio ás 20:30 horas

Artigos relacionados

Back to top button