OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense confirma un positivo por Covid no persoal da alcaldía

Concello de Ourense.

 

O Concello de Ourense vén de informar de que un traballador, que desenvolve funcións de persoal de apoio á Alcaldía, deu hoxe positivo nas probas do Covid-19. “O empregado traballou até o martes, 18 de agosto. Ese día atopouse mal e automaticamente ausentouse do seu posto de traballo e acudiu ao Centro Médico El Carmen para realizar o test da COVID-19, que deu negativo. Malia o resultado negativo, por precaución non volveu ao traballo”, explican dende o Concello, “onte, xoves realizou un segundo test, cuxo resultado coñeceu hoxe, que neste caso resultou positivo. Tan pronto como coñeceu o resultado comunicoullo ao Concello”.

Ademais dende o Concello de Ourense asegúrase que “tan pronto como coñeceron os feitos, este mediodía o propio alcalde, e o servizo de Recursos Humanos do Concello de Ourense os puxeron de inmediato en coñecemento da Xunta de Galicia para adoptar as medidas que as autoridades sanitarias determinen, sendo conscientes de que a seguridade e a saúde deben ser sempre a prioridade”.

O PSdeG e o BNG piden explicacións

Desde o grupo municipal do BNG en Ourense considérase que houbo “ocultación e falla de información por parte do goberno municipal ante unha cuestión tan seria e relevante como é o feito de que un traballador do Concello de Ourense, vinculado ademáis de xeito directo co gabinete de alcaldía dera positivo por Covid-19”. Ademais, ante estas circunstancias, piden a suspensión do pleno fixado para o vindeiro luns 24 de agosto e que o goberno municipal active os protocolos establecidos de loita contra o Covid-19 e realice con carácter urxente probas de diagnose a tódolos empregados do Concello de Ourense.

De maneira semellante se pronuncian dende o grupo municiapal socialista, que resalta a “irresponsabilidade” do alcalde e do grupo de goberno por “non poñer en coñecemento do persoal do consistorio nin do resto de grupos políticos que forman parte da corporación este feito dende o primeiro momento”. Piden o aprazamento do próximo pleno e a realización de probas PCR aos traballadores da casa consistorial

Artigos relacionados

Back to top button