OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense eliminará a taxa de veladores do sector da hostalaría do 2020 ao 2022

A xunta de goberno local vén de aprobar a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa polo aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local

 

A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobaba na xuntanza da mañá deste xoves 14 de xaneiro, o proxecto de modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxas polo aproveitamento especial ou utilización privativa do dominio público local.

Este acordo ten como finalidade suspender durante os anos 2020, 2021 e 2022 a aplicación da taxa que o Concello lles cobra aos locais de hostalaría por instalar terrazas na vía pública, coa finalidade de apoiar a este importante sector económico, fortemente afectado polas consecuencias económicas da pandemia da COVID-19. O Concello tamén anulará as liquidacións aprobadas e devolverá os ingresos correspondentes aos ditos períodos impositivos.

A ordenanza modificarase engadíndolle unha disposición adicional ao seu articulado: “Durante os anos 2020 a 2022 suspéndese a aplicación e a esixencia das tarifas establecidas pola ocupación da vía pública con mesas, cadeiras e tribunas, contidas no epígrafe d) do artigo 6.6 desta Ordenanza. As ditas tarifas volverán ser de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2023″, aseguran dende O Concello.

A administración local tamén procederá á anulación das liquidacións aprobadas e á devolución dos ingresos correspondentes aos ditos períodos impositivos. E, de conformidade co Regulamento orgánico do Concello, este acordo comunicaráselles aos portavoces dos grupos políticos municipais e abrirase un prazo de 10 días no que poderán realizar emendas. Unha vez debatidas, no seu caso, as emendas, o proxecto ditaminarase en comisión e elevarase a Pleno para a súa aprobación inicial.

 

Artigos relacionados

Back to top button