OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense ofrece 350 prazas para o programa Concilia Verán 2018

As actividade están dirixidas a alumnos de Primaria e o prazo de inscrición estará aberto do 18 ao 28 de xuño
Cartel do programa Concilia Verán 2018.

Dende hoxe, 18 de xuño, está aberto o prazo de inscrición para o programa Concilia Verán 2018, que ofrece actividades de verán para 350 escolares de Educación Primaria para a conciliación laboral e familiar. A través deste proxecto da Concellería de Educación os menores poderán participar en actividades deportivas e lúdicas en catro centros de Educación Primaria; propostas de animación á lectura nas bibliotecas Municipais e actividades na Aula da Natureza do río Miño para descubrir o Medio Ambiente.

As actividades programadas nos centros de ensino de Educación Primaria terán lugar durante o mes de xullo nos locais do CEIP Amadeo R. Barroso; CEIP O Couto; CEIP Curros Enríquez e o CEIP Prácticas. Disporase de prazas para alumnado con necesidades especiais no Centro Escolar Curros Enríquez. Poderán participar alumnos de Educación Primaria con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, que realizarán actividades didácticas, deportivas e de ocio. O horario será de 8 a 14:30 horas.

Pola súa banda, as bibliotecas municipais realizarán accións de animación á lectura, entre os meses de xullo e agosto, para nenos de 4 a 10 anos. As bibliotecas municipais de A Carballeira, San Francisco e A Ponte abrirán as súas portas entre as 10:30 e as 13 horas.

A Aula da Natureza do río Miño ofrecerá actividades para nenos de 6 a 12 anos, entreas 10 e 13 horas e de 17 a 19 horas, agás os venres pola tarde que estará pechada. Estará aberta en xullo, agosto e do 3 ao 7 de setembro.

O prazo de inscrición para as tres propostas estará aberto ata o 28 de xuño. As actividades das bibliotecas serán gratis, o resto terán un prezo de 10 euros. No caso de que se apunten varios irmáns o prezo do resto de inscritos será de cinco euros.

Artigos relacionados

Back to top button