OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense premiará con 800 euros ao gañador do concurso de carteis da Festa dos Maios

O prazo de presentación das propostas remata o 23 de abril
Cantando coplas na Festa dos Maios 2017. /Foto: Carlos Asensio.

O vindeiro luns 23 de abril, remata o prazo para participar no concurso convocado polo Concello de Ourense, a través da Concellería de Cultura, para elixir o cartel anunciador da Festa dos Maios 2018 que está dotado cun premio de 800 euros para o autor ou autora da obra gañadora.

Poderá presentar as súas propostas calquera persoa física ou xurídica e os traballos deberán remitirse ao Rexistro Xeral do Concello dentro dun sobre, onde figurará “Concurso carteis Maios 2018” e debaixo un pseudónimo ou lema. Dentro deste sobre deberá meterse outro mais pequeno pechado que irá rotulado co mesmo nome e pseudónimo, e que no seu interior conterá os datos de identificación, enderezo e teléfono do concursante. Só se abrirá o sobre da obra que resulte premiada. Os carteis, que deberán ter un tamaño de 50×70 centímetros deberán ser orixinais e inéditos, e incluír obrigatoriamente o texto “Maios, Festa de interese turístico”.

 

Preparando un Maio, en Ourense. /Foto: Carlos Asensio.

A obra galardoada utilizarase tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para facer promoción do programa de actividades desta festa. Os carteis premiados deberán presentarse en formato electrónico para a súa mellor reprodución e adaptación, e pasarán a ser propiedade municipal con todos os dereitos de libre reprodución e difusión.

As persoas interesadas poden consultar as bases na páxina web da Concellería de Cultura: www.ourensecultura.com.

Artigos relacionados

Back to top button