OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense presenta o proxecto de remodelación do Xardín do Posío

O orzamento global da obra superará os 2,7 millóns de euros

 

Cumprindo o compromiso adquirido cos veciños en xuño de 2020, na mañá deste luns 20 de xuño o concelleiro de Medio Ambiente de Ourense, Jorge Pumar, mantiña unha reunión cos representantes da plataforma veciñal, para presentarlles o proxecto de remodelación do Xardín do Posío. Un encontro ao que tamén asistían o equipo redactor do proxecto e os técnicos municipais.

O proxecto presentado alcanza a cifra de investimento de 2.784.844,78 euros, coa fin de realizar unha intervención completa que permita apostar pola sosteñibilidade, creando un espazo onde “o verde gáñelle ao cemento, evocando as súas orixes como parque botánico; e onde a fauna e a flora volvan ser os protagonistas, como sempre o foron neste emblemático parque ourensán”, afirma o concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar.

O director do proxecto técnico, Roberto González, destaca que a intervención baseouse en dous principios: respectar e preservar os espazos de maior valor paisaxístico e intervir de forma contundente nos espazos máis degradados polo uso e o paso do tempo, asegurando que o proxecto “prima a conservación e mellora da flora presente, apostando pola posta en valor das especies arbóreas e das coleccións botánicas existentes nas mesmas, preservando desta maneira as orixes botánicas do parque”. Os traballos de xardinería incluirán novas plantacións e a incorporación de novas especies ás máis de 100 variantes xa presentes.

 

Presentación do proxecto de remodelación do Xardín do Posío, en Ourense.

 

O espazo de xogos será completamente transformado para incorporar xogos atraentes para nenos, creación de novos espazos de lecer familiar e a incorporación e renovación completa dos xogos infantís do parque. Á vez actuarase na zona mellorando a presenza arbórea para estender o concepto de parque botánico da súa orixe. A actuación ten un fin, evocar a forma dun bosque, en recordo do nome polo que sempre se coñeceu esta parte do Posío entre os veciños. Para elo o equipo deseñador incorpora novos xogos que emulan árbores e casiñas do bosque buscando a creación dun espazo de ocio familiar cómodo e a vez divertido.

Adquirirá de novo protagonismo a zona da Rosaleda con formas xeométricas rectangulares. Como elemento decorativo na base empregarase cortiza de piñeiro. As diferentes variedades de roseira trepadora distribuiranse ao longo da pérgola proxectada para recuperar unha das imaxes icónicas deste parque.

Na zona das coleccións botánicas a intervención céntrase na plantación de novas especies e conservación das actuais. Ademais apóstase por reforzar o espazo como unha zona de paseo e de conversas entre a natureza. A actuación recuperará o esplendor da zona de paseo de palmeiras, e intervirase para que as zonas da gaiola de animais e da fonte recuperen adornos florais das épocas anteriores. O axardinamento dos noiros (taludes) completarán os traballos de enverdecemento do parque e da súa conversión a un parque máis verde e sostible para a cidade.

Para a zona de cafetería o Concello propón unha nova construción orgánica, adaptada ao novo espazo, coa que se pretende resolver, ademais das necesidades propias interiores dunha cafetería, as necesidades de espazo exteriores de terraza, xerando dúas zonas: unha relacionada coa cota do paseo central, e outra coa parte superior multiusos, que poderán ser usadas para actuacións para nenos ou como terraza para axuntar o lecer dos nenos e dos maiores.

Artigos relacionados

Back to top button