OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense regalaralle un libro a cada menor de 18 anos da cidade polo remate do curso escolar

A medida pretende "fomentar a lectura entre a mocidade e, ao mesmo tempo, apoiar ao sector libreiro"

 

Como “recompensa pola etapa de confinamento”, O Concello de Ourense regalarlle a todos os nenos e mozos de ata 18 anos un libro da súa elección en calquera das librarías da cidade. Unha iniciativa coa que ademais de fomentar a lectura entre a mocidade, o Concello quere “axudar o comercio local e, neste caso, o sector libreiro, especialmente afectado polo peche decretado polo estado de alarma”.

O libro, elixido á vontade ata un importe de 20 euros, poderase recoller desde finais de xuño, cando remata o curso escolar, e durante todo o mes de xullo. “O único requisito é ser ourensán, menor de 18 anos e dar o nome na libraría”, explican dende o Concello, adiantando que segundo as primeiras estimacións, fálase de “máis de 10.000 libros para nenos e mozos da cidade”.

 

Reunión do Concello coa asociación de libreiros.

 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestou a súa “satisfacción por este acordo co sector libreiro, xa que reúne a política de fomento da lectura entre os máis novos co apoio sen burocracias a un dos sectores comerciais da cidade”. O presidente da Asociación Provincial de Libreiros, José Manuel García, pola súa banda aseguraba, trala reunión mantida na Alcaldía á que tamén asistiron Pilar Rodríguez, tesoureira da Asociación de Libreiros, e Mario González, concelleiro de Cultura, que “non necesitamos subvencións, necesitamos xente nas librerías”.

Artigos relacionados

Back to top button