OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense renovará, de forma indirecta, a flota de autobuses urbanos

Así se acordaba na xuntanza que os voceiros dos grupos municipais mantiñan esta mañá no salón de plenos

Reunión de voceiros no Salón de Plenos do Concello de Ourense.

 

O Concello de Ourense renovará a súa flota de autobuses urbanos de forma indirecta, a través da empresa que resulte adxudicataria da xestión do servizo de transporte urbano. Así se acordaba na reunión que o alcalde e os portavoces dos grupos políticos municipais mantiñan na mañá deste martes 9 de marzo no salón de plenos.

Dada a necesidade de renovar o contrato de xestión do servizo municipal e da súa flota de autobuses, valorábanse dous escenarios. Por unha banda, que o Concello adquirise directamente novos vehículos para renovar a flota, e lle adxudicase a unha empresa, a través dunha concesión, a xestión do servizo. Esta opción suporía un investimento duns 10 millóns de euros, con cargo ao remanente do Concello, e require dun acordo plenario para poder levarse a cabo. Por outra, realizar unha licitación conxunta, na que sexa a concesionaria a que adquira os autobuses para o Concello.

A proposta de compra directa, formulada polo goberno municipal e apoiada polo grupo de Ciudadanos (aínda que non asistiu á reunión, comunicoulle a súa decisión ao alcalde) non acadou o apoio dos restantes grupos municipais, polo que a fórmula de adquisición dos vehículos será a indirecta, incluíndo a compra dentro do contrato de concesión.

Ao remate da xuntanza, o goberno municipal deulles indicación aos técnicos municipais para que elaboren o prego de condicións do concurso para adxudicar a prestación do servizo, incluíndo nel a compra dos autobuses. O alcalde confía en que o prego estea listo nun prazo de tres meses para levalo a aprobación na xunta de goberno local e adxudicar o servizo de forma que os autobuses podan estar en servizo na primavera ou no verán de 2022.

Artigos relacionados

Back to top button