OurenseÚltima hora

O Concello de Ourense reúnese coas DD.OO. de viño da provincia para preparar os actos do Magosto

Preténdese dedicar tamén ese día á cultura do viño coa presenza das denominacións do Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei

Imaxe da reunión en Ourense. De esquerda a dereita: Marta Villén, Lara Da Silva, Mario
González, Juan Casares e Jorge Mazaira./ Foto: Concello de Ourense.

 

O concelleiro de Cultura de Ourense, Mario González mantiña unha reunión con representantes das catro denominacións de orixe (DD.OO.) vitivinícolas da provincia (Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra) para definir o programa de actividades do Magosto de 2019.

A xuntanza foi valorada de forma moi positiva por todas as partes, e ao remate do encontro o edil afirmou que se está a traballar nun “proxecto ambicioso e moi bonito”, dixo. Neste sentido, apunta a un día dedicado á “Cultura do Viño, coa presenza das catro DOs, con catas, promocións de adegas e eventos para todos os públicos”.

A xuntanza serviu, ademais, para que os representantes das catro denominacións achegasen ideas e propostas. Acudiron Lara Da Silva, presidenta da DO Monterrei; Marta Villén, técnica de promoción da DO Ribeira Sacra; Jorge Mazaira, director técnico da DO Valdeorras; e Juan Casares, presidente da DO Ribeiro, quen actuou como voceiro. “Foi unha reunión moi produtiva que senta as bases para unha colaboración máis estreita”, dixo, “de cara a desenvolver accións de promoción conxuntas”.

Casares quixo agradecer, tamén, a boa disposición do departamento de Cultura: “Esta iniciativa pon de manifesto a sensibilidade do Concello cara a un sector estratéxico na provincia, como é o vitivinícola”, manifestou.

Artigos relacionados

Back to top button