ConcellosParada de SilÚltima hora

O Concello de Parada de Sil licita unha obra por 113.916,36 euros

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Despois dun “longuísimo proceso que durou máis de cinco anos e de duras negociacións, por fin, o Concello de Parada de Sil pode sacar a concurso unha obra que permitirá un mellor funcionamento dun enclave turístico de primeira orde na Ribeira Sacra como é a Fábrica da Luz”, así o veñen de anunciar dende esta administración local.

No finanzamento desta obra, cifrada en 113.916,36  euros, colabora a Deputación de Ourense con 15.000 euros e a Xunta de Galicia, tamén con outros 15.000 euros concedidos a través do INEGA.

A Fábrica da Luz mantíñase con placas solares e un grupo electróxeno, “o que na meirande parte dos meses facía que o servizo de albergue e restaurante non funcionase, coa conseguinte redución de postos de traballo”, din dende o Concello.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, amosa a súa satisfacción por dar solución a un problema moi vello e que “permitirá a apertura do establecemento máis meses así como a creación de máis postos de traballo”.

As empresas que opten a esta obra deberán presentar a documentación no rexistro do concello no prazo de vinte días dende a publicación da mesma no Perfil do Contratante e, unha vez rematado o prazo de axudicación, a obra deberá facerse en dou meses.

Aquilino Domínguez considera que isto será un “pulo importante para este establecemento que hoxe, xunto á pasarela do Mao, ao seu carón, é unha icona da Ribeira Sacra”.

Artigos relacionados

Back to top button