EconomíaEconomíaÚltima hora

O Concello de Parada de Sil reúnese cos empresarios do municipio

Empresarios e Concello comparten a “necesidade dunha resinalización en Parada de Sil estudando incluso unha sinalización dinámica de xeito que os visitantes poidan visualizar eventos ou os lugares idóneos de visita en cada época do ano”
Casa do Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Por segunda vez en catro meses os empresarios do concello de Parada de Sil, adegas, restaurantes, casas rurais, xeriátrico e panadería, mantiveron unha reunión con responsables do Concello, a petición deste. Explicáronse as novas liñas de traballo para seguir atraendo visitantes e emprendedores, así como a posta en valor dos muíños de Conceliñas, retomar a Vía Ferrata, intervencións sobre as casas da neve e outras e fíxose unha posta en común de necesidades que deberían estar resoltas para o verán de 2019.

Dende o Concello de Parada de Sil agradecéuse os investimentos que se están a facer de iniciativa privada, e plantexouse a súa perspectiva sobre o crecemento das visitas a Parada de Sil “insistindo sempre que ese crecemento debe entenderse en colaboración, con promoción dos produtos do territorio e comarca e ha de ser ordenado, é dicir cumprindo sempre a lei”.

Empresarios e Concello comparten a “necesidade dunha resinalización no concello estudando incluso unha sinalización dinámica de xeito que os visitantes poidan visualizar eventos ou os lugares idóneos de visita en cada época do ano”, segundo se fixo público dende esta administración local. Outro tema de análise importante foi o tráfico, xa que nas épocas altas como Semana Santa ou o verán xéranse problemas de capacidade de carga en determinados sitios, especialmente Os Balcóns de Madrid-Os Torgás, valorando a posibilidade dun transporte colectivo dende o aparcamento así como estudar cómo se poden liberar as prazas do concello, de coches.

Outros temas que se abordaron foron a necesidade e seguir rehabilitando vivenda para fixar poboación e evitar que as persoas que traballan no concello teñan que facer longos desprazamentos, mesmo dende Ourense, así como implantar un punto de atención a infancia. Tamén se asumiu dende o concello seguir traballando no referente á limpeza e mellora de recollida de lixo, especialmente no verán. “Parada de Sil seguirá traballando para ofertar dende o rural o que os visitantes demandan, biodiversidade, patrimonio,ocio, paisaxe espectacular e vida tranquila”, aseguran dende o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button