ConcellosÚltima hora

O Concello de Petín mantén suspendida a celebración de feiras e mercados

 

O 21 de cada mes Petín acollía a tradicional feira ou mercado ao aire libre, unha actividade moi arraigada na cultura rural galega que deixou de celebrarse, como tantas outras, coa entrada en vigor do estado de alarma decretado polo Estado para facer fronte ao coronavirus. E así continuará, ata novo aviso.

Malia que en moito concellos decidían volver a celebralas despois da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, do Ministerio de Sanidade, para a flexibilización de determinadas restricións na fase 1 da desescalada, o Concello de Petín decidía que “en tanto non se poidan garantir as condicións de seguridade para a protección da saúde de toda a poboación, a celebración das feiras e mercados neste concello, continúa suspendida”.

Así o manifesa a alcaldesa, Raquel Bautista, a través do bando municipal feito público na mañá deste luns 18 de maio, amparándose no artigo 10.6 da orde que dá autoridade aos Concellos para decidir sobre a reapertura ou non dos devanditos mercados ao aire libre. “Visto que neste mesmo precepto se establecen unha serie de requisitos de distanciamento e condicións para garantir as condicións de seguridade, nas competencias atribuídas e como medida preventiva e de cautela en prevencións de riscos sanitarios e de control das persoas residentes no termo municipal de Petín, a celebración deste tipo de actividades ao aire libre continúa suspendida ata novo aviso”, explica a alcaldesa.

Artigos relacionados

Back to top button