ConcellosPetínÚltima hora

O concello de Petín, no Plan Único-Banda Ancha

O subdelegado do Goberno en Ourense mantiña unha reunción coa alcaldesa de Petín para supervisar os proxectos e investimentos do goberno municipal

Visita do subdelegado do Goberno ao Concello de Petín./ Cedida.

 

Ata Petín desprazábase esta mañá o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González. Alí mantivo un encontro coa súa alcaldesa, Raquel Bautista, no que supervisaron o estado dos proxectos e investimentos do Goberno central no municipio.

O subdelegado do Goberno sinalou que o concello de Petín beneficiarase da primeira convocatoria do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión ÚNICO-Banda Ancha, que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. O departamento ministerial aprobou este mes a resolución definitiva, que aportará 2,3 millóns de euros a empresas tecnolóxicas para financiar as acometidas de internet en zonas rurais da provincia de Ourense que carecían deste servizo. Emilio González subliñou que deste programa, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, beneficiaranse 10.138 vivendas e empresas da provincia.

“Supón unha importante aposta do Goberno co obxectivo de que a cobertura de redes con velocidade superior a 100 Mbps alcance ao 95% da poboación en 2023”, inicidiu o subdelegado do Goberno. “En Petín executaranse 17 proxectos para levar a banda ancha de última xeración ata 266 vivendas e empresas”, engadiu.

Estas conexións súmanse ás que se están efectuando no marco do programa de extensión da banda ancha de nova xeración (PEBA-NGA) de 2020, tamén do Ministerio de Asuntos Económicos, que permitirá levar este acceso de alta velocidade a 3 entidades de poboación do municipio.

No encontro, o subdelegado do Goberno sinalou que, dentro da aposta pola eficiencia enerxética, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 100.335,12 euros para o proxecto de aforro e mellora enerxética no alumeado público nas zonas de Portela, Freixido, Moes, San Paio, Outeiro e Carballal. Emilio González salientou que “con este cambio, o concello de Petín pode reducir unha parte importante da factura eléctrica municipal para destinala a outros servizos públicos”.

Xunto á eficiencia enerxética, o Goberno, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, está abordando co Concello o proxecto para a construción dunha nova depuradora para o núcleo de Portomourisco, tralos danos irreparables causados na depuradora existente polo importante aumento de caudal do río Xares en novembro e decembro de 2019. O investimento estimado supera os 50.000 euros, que serán sufragados na súa totalidade polo organismo de conca.

Por último, na xuntanza tamén analizaron os fondos que percibirá o concello de Petín para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia machista dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que ascenden a 1.152,82 euros.

Artigos relacionados

Back to top button