ConcellosQuirogaÚltima hora

O Concello de Petín suspende as festas e actividades lúdicas deste verán

Este ano non haberá festexos na honra a Santiago e Santa Ana no mes de xullo

Procesión de Santiago Apóstolo en Petín. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O 25 de xullo, festividade de  Santiago Apóstolo, é unha data importante no calendario estival do concello de Petín, que celebra por todo o alto as festas patronais (unhas das máis animadas e participativas da contorna), pero “máis importante é a saúde das persoas” asegura a alcaldesa, Raquel Bautista. Por iso, malia estar xa nunha fase avanzada da desescalada, decidía “suspender todas as festas e actividades lúdicas deste verán no municipio”, entre elas as do Santiago.

“Tal como avanzou o presidente da Xunta, unha vez finalizado o estado de alarma polo coronavirus serán os concellos os que decidan sobre a celebración de actos sociais e festivos e, non sei noutros pero en Petín, non podemos garantizar certas medidas como o uso de mascarillas ou a distancia de seguridade, en actos como unha verbena”, asegura Bautista Carballo, engadindo que tampouco poden exercer o papel de policía, obrigando á xente a cumprir coas medidas. “Sentímolo de corazón porque sabemos que á xente lles gusta pero sinceiramente pensamos que este non é ano para celebrar festexos”, di recoñecendo que aínda que é agora cando toma a decisión en firme, sempre o tivo bastante claro: “A saúde dos nosos veciños é o máis importante”.

Ademais das do Santiago e Santa Ana en xullo, suspéndense as festas de  San Paio neste mes de xuño, as de Portomourisco tamén en xullo, as da Portela en agosto e as de Mones en setembro. Tampouco se celebrará a Ruta das Bodegas a finais de agosto.

Artigos relacionados

Back to top button