Publicidade
ConcellosÚltima hora

O Concello de Quiroga comeza a reabrir as súas diferentes instalacións municipais

O pavillón municipal e o campo de fútbol non se abrirán ao público ata que se permita a realización de deporte colectivo

Exterior do Concello de Quiroga.

 

Coincidindo co inicio da fase 2 da desescalada, a práctica totalidade dos servizos municipais do Concello de Quiroga veñen de entrar en funcionamento esta mañá. Era ademais unha reapertura marcada  polas medidas de hixiene, prevención e seguridade establecidas polo goberno para garantir a seguridade dos usuarios e dos propios traballadores.

“Todos os departamentos da casa consistorial atenden ao público, tras solicitar cita telefónica ou por correo electrónico, e incluso a aquelas persoas que se acheguen ata o edificio se atenderán pola parte traseira, sen necesidade de que entren no edificio”, explican dende o Concello de Quiroga.

Unido coas oficinas municipais tamén atenderán con cita previa a través do tfno 982.42.83.97 as Oficinas de Vivenda, situadas no antigo cárcere para seguir coa tramitación das axudas que están en marcha: unha nova convocatoria para as Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana na vila de Quiroga e Pacios de Mondelo e axudas municipais para a rehabilitación de fachadas.

Reapertura tamén da Casa da Cultura

Tamén os distintos servizos da Casa da Cultura comezaron a súa volta á normalidade. Así, prestan servizo xa coa porta aberta a Biblioteca Pública Municipal para préstamo de libros e consulta en sala, atendendo sobre todo ao aforo das instalacións. Tamén está aberta a Oficina de Turismo Municipal prestando labor de asesoramento para a busca de todos os recursos dispoñibles na rede ao non poder repartir información impresa. A Sala de Exposicións está aberta e disposta para acoller contidos.

En relación á situación dos Museos Municipais de Quiroga, o Museo Etnográfico está aberto no seu horario de sempre e aténdense solicitude de visitas guiadas para grupos no número permitido na fase 2 de desescalada. O Museo Xeolóxico permanece pechado por estar traballándose nas súas obras de ampliación.

A Aula CEMIT está pendente de que se asine un convenio para reservar postos para estudantes universitarios que precisen dun equipo informático para facer os seus exames. Os termos deste convenio e servizo, anunciaranse cando estea ultimado.

O Centro Social da Terceira Idade abrirá as súas portas ao público mañá martes no seu servizo de cafetería e oficina, en horario de dez a dúas pola mañá e de tarde dende as tres ata as oito. A cafetería abrirá co límite de aforo marcado polo Goberno nesta fase de desescalada e coas demais restricións aparelladas a este tipo de centros.

“O que non se retomará no Centro Social son as clases semanais tanto de ximnasia de mantemento como de manualidades, posto que estas actividades xa tiñan previsto rematar neste mes de maio. En canto ao ximnasio, os socios que queiran utilizalo deberán de solicitalo previamente, para que o centro poida marcar uns horarios”, explica o Concello de Quiroga.

Celebración de feiras e mercados

Ademais dende o Concello de Quiroga autorizouse a celebración das feiras e mercados tradicionais despois de que se lle permita aos concellos decidir a súa apertura. Polo tanto, este mércores día 27, dous días despois de entrar na fase 2 do estado de alarma, xa se pode celebrar a feira en Quiroga.

O Concello establece uns requisitos mínimos de distanciamento entre os postos co fin de garantir a seguridade e a distancia entre traballadores, clientes e viandantes. Respectarase a distancia de dous metros entre persoas e evitarase a manipulación de produtos por parte dos posibles clientes.

O pavillón e o campo de fútbol non se abrirán por agora

En canto ás piscinas municipais, o Concello de Quiroga plantou novas árbores no recinto e está a traballar no seu acondicionamento para abrir ao público na súa data habitual de finais do mes de xuño, cumprindo o protocolo de seguridade marcado polo Goberno Central.

Pavillón municipal e campo de fútbol non se abrirán ao público ata que se permita a realización de deporte colectivo, posto que estas instalacións están pensadas preferentemente para facer deporte en equipo.

Dende o Concello de Quiroga apelan unha vez máis “á responsabilidade da veciñanza para cumprir a normativa marcada nesta nova fase de desescalada e de volta a unha relativa normalidade. E recordan a importancia de manter a distancia social e ao uso de mascarillas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close